Lugo, 01 de xullo de 2019.- A Xunta de Galicia amosou a súa disposición para colaborar coa Comisión organizadora do Naseiro e así garantir a continuidade da romaría blindando as máximas condicións de seguridade para os participantes.
Está mañá tivo lugar un encontro, na delegación territorial da Xunta, no que participaron membros do colectivo organizador xunto a persoal técnico das consellerías de Medio Ambiente, Territorío e Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade e do servizo provincial de Emerxencias.
A Comisión organizadora comprométese a solicitar os permisos precisos para tramitar a autorización do evento e tamén dar traslado das recomendacións de seguridade precisas para evitar calquera tipo de dano ou risco neste espazo natural.
Entre os acordos acadados a Comisión comprométese a respectar a zona de protección considerada de fluxo preferente delimitada por unha franxa de cen metros, contiguos ao leito fluvial, na que esta prohibido acampar. Trasladaranse fóra deste espazo tendas de campaña ou infraestruturas para durmir, xa que nesta zona pode concentrarse a auga do río en caso de enchente. Non ocupala evita graves riscos sobre as persoas e os bens. Máis aló desa franxa a Xunta non é competente.
Tampouco terá lugar o descenso do río para evitar a alteración dos recursos naturais presentes no leito fluvial. Este condicionante vén motivado pola aplicación da normativa europea vixente ao tratarse dun espazo natural que forma parte da Rede Natura 2000.
A administración autonómica acordou tamén coa Comisión a necesidade de reforzar os sistemas de información e advertencia sobre as actividades prohibidas e permitidas na zona (que entenden sería positivo facelo a través da publicación dun bando) e o seguimento das condicións climatolóxicas para garantir a seguridade do evento (sobre todo si existe risco de chuvias torrenciais)
Viveiro carece de plan municipal por inundacións
A Xunta tamén explica que a tramitación desta autorización sería moito máis sinxela se o Concello de Viveiro tivera elaborado o plan de emerxencias por inundación, obrigatorio segundo a normativa vixente, pero que aínda non elaboraron a pesar de que a Xunta advertiu ao goberno local desta carencia xa en maio do ano 2018. Requirimento sobre o que hoxe, máis dun ano despois, non se obtivo resposta.
Desde a administración autonómica lamentan tamén que o Concello non desenvolva maior apoio á Comisión organizadora descargando en este colectivo composto por voluntarios e sen ánimo de lucro toda a responsabilidade, sen ofrecer máis colaboración e sen asumir as competencias que ao propio Goberno local lle corresponden. Sinalan tamén que os condicionantes da Xunta non impiden a celebración da romaría senón que garanten que esta cumpra as debidas condicións de seguridade para os participantes e a contorna natural na que ten lugar.