Lugo, 28 de xuño de 2019. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres un investimento de case 730.000 euros para mellorar servizos e dotacións públicas nos Concellos de Outeiro de Rei, Castro de Rei, O Valadouro e Xove, coas que mellorar o día a día dos veciños destes municipios.
Concretamente, as actuacións que se aprobaron son:
– 195.802 euros en Outeiro de Rei cos que se realizarán obras de apertura dun treito viario para a ordenación do tráfico no casco urbano do municipio.
– 133.911 euros en Castro de Rei dirixidos a realizar melloras no campo municipal, como a instalación de novo céspede, así como do sistema de rego e de alumeado.
– 62.291 euros no Valadouro cos que realizar un cerramento e cuberta no acceso que vai dende o colexio ata o polideportivo; para a compra de terreos para ampliación do cemiterio municipal e adquisición de equipamento para o centro de formación co obxectivo de acadar a homologación do módulo de agricultura ecolóxica.
– 339.500 euros en Xove para realizar obras de acondicionamento dun treito de 2,4 quilómetros da estrada LU-P-2601, de Xove ao Portiño de Morás, comprendidos entre os puntos 0,4 e o 2,8.