Barreiros 28-6-19. Co lema “PARA GUSTOS, CORES. #Barreirosdiverso” varios establecementos da asociación de Hostalería de Barreiros farán un xesto en apoio ao Día do Orgullo LGTBI. Unha imaxe en forma de corazón e con diversidade de cores, estará estampada nunha pegatina que lucirá nos cristais destes locais, e que permanecerá no tempo.
Trátase, segundo indican na asociación, dunha medida simbólica, dun xesto. Unha mostra de apoio aos dereitos da comunidade LGTBI e o respeto ás diferentes orientacións afectivosexuais e identidades de xénero. Un xeito simple de normalizar o que nos tempos que corren, entenden, debera estar aceptado e sobre todo, ser respectado. A veces bastan pequenos actos para dar pé a conversar sobre temas tabúes ou pouco habituais, e entenden que este tipo de accións camiñan cara a normalización da diversidade.
“Barreiros é un lugar diverso, e nesa diversidade está a riqueza. Non deixa de ser unha acción simbólica, pero con moito transfondo, pois con ela queremos transmitir que os nosos locais son espazos inclusivos, espazos de concordia e de respecto”, sinalan. Os disturbios de Stonewall de 1969, e que marcan a data desta conmemoración, tamén tiveran lugar nun pub, un bar, polo tanto, con máis motivo aínda, se cabe, seguir sendo estes lugares pensados para o ocio, a convivencia e o desfrute, os que nos mostremos activos en apoiar unha sociedade igualitaria.