Lugo, 21 de xuño de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, felicitou hoxe ao director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e, a través del, a todos os traballadores deste organismo público pola concesión do certificado de excelencia na avaliación da calidade dos servizos que presta aos cidadáns.
Isabel Rodríguez expresou a súa satisfacción por este recoñecemento que acredita a calidade dos servizos que ofrece o persoal do INSS aos lucenses e fixo público o seu agradecemento a todos os empregados porque sen a súa profesionalidade e compromiso co servizo público non sería posible a obtención deste certificado.
A Dirección Xeral da Gobernanza Pública, dependente do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, vén de comunicarlle á Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social en Lugo a concesión do Certificado de Nivel de Excelencia, por ter desenvolvido unha autoavaliación conforme ao Modelo EFQM de Excelencia, acadando unha puntuación no nivel 300-399 puntos.
Dita certificación, leva aparellada a emisión do correspondente “Selo de excelencia”, que ten un prazo máximo de vixencia de 3 anos, no que se especifica o modelo de xestión utilizado para a avaliación e o nivel de excelencia acadado pola Dirección provincial do INSS.
Segundo explicou o director provincial do INSS, “a obtención deste selo é froito dun labor comezado no ao 2008, e vén recoñecer os esforzos realizados por todo o persoal da Entidade”. Ademais, o director do INSS na provincia de Lugo deulle as grazas a todo o persoal e animouno a seguir prestando un servizo de calidade e tivo, tamén, un recoñecemento especial para “os compañeiros e compañeiras que xa non están con nós, pero que se implicaron persoalmente, desde o primeiro momento e de xeito desinteresado, para que isto fose posible”.