Burela, 21 de xuño de 2019.- Os concelleiros electos do PP burelés denuncian que “Alfredo Llano está mentindo no referido á ampliación do pavillón Vista Alegre: está dicindo que conta cun proxecto básico, e resulta que non existe proxecto básico para esta obra. Así o constatamos á vista da contestación e documentación que o mesmo Llano traslada o día 19 logo de que o Grupo Municipal do PP solicitara o indicado proxecto e a documentación de contratación do mesmo o pasado 17 deste mes de xuño”.
Os concelleiros electos do PP indican que “o único que Llano remite son os cinco planos que xa coñecíamos, tres de planta e dous de alzado; pero que en ningún caso conforman un proxecto básico. Un proxecto básico ten que ter ademais planos de distribución, de cotas e de superficies, unha memoria descritiva e xustificativa na que conste o cumprimento coa normativa urbanística en vigor (neste caso o PXOM); o cumprimento das distintas normativas sectoriais e tamén das normativas en materia de seguridade, incendio e accesibilidade; e ademais ten que contar cun presuposto cun resume por capítulos, entre outros. En definitiva, ten que ser un documento o necesaria e suficientemente amplo como para poder obter licencia urbanística e, neste caso, non o é”.
Os populares lembran que “Llano elaborou unha memoria xustificativa na que fai constar expresamente a existencia dun ‘proyecto básico elaborado por ….a petición del Concello de Burela como consecuencia de las exigencias de la Liga Nacional de Fútbol Sala…’, pero resulta que tampouco hai ningún documento que acredite que o Concello solicitou tal proxecto básico e polo tanto non hai ningún contrato para a elaboración do mesmo”.
Para os edís electos do PP, “Llano non está facendo nada, agás lanzar continuamente cortinas de fume para desviar a súa incapacidade de xestión patente noutros asuntos; pero especialmente grave neste, xa que a súa deixadez pode condenar ao clube a xogar moitos partidos -e non só os televisados- fóra de Burela”.