Viveiro, 19 de xuño de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou este mércores que a Administración autonómica “aposta polo turismo activo como valor engadido para a oferta da comarca da Mariña”, no transcurso dunha visita ao parque de aventuras Roq Park de Viveiro, unha iniciativa innovadora que contou co apoio do goberno galego para a súa posta en marcha.
O novo espazo de lecer está emprazado nunha contorna natural próxima á área recreativa de San Roque e é o primeiro parque de aventuras ao aire libre que está en marcha na provincia de Lugo.
O proxecto naceu froito da colaboración dunha empresa local dedicada a actividades deportivas e de multiaventura e a comunidade de montes de San Roque. Segundo apuntou Balseiro, contou co respaldo do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aporta 65.000 euros a través da liña axudas do programa Galicia Rural Emprende.
A convocatoria destas achegas é anual, polo que o delegado animou a todas as persoas emprendedoras ou con intención de ampliar o seu negocio a informarse na Xunta. Son subvencionables os proxectos dirixidos á creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación e desenvolvemento de novas actividades económicas non agrarias. As axudas poden ser de entre 20.000 e 70.000 euros, segundo diversos factores e a contía do investimento realizado.
O novo parque de turismo activo abrirá as súas portas ao público en xeral en poucas semanas. Polo momento, recibe a grupos previa reserva, como aconteceu esta mañá con estudantes do colexio Vista Alegre de Burela. Os visitantes poderán participar en circuítos entre as árbores con pasarelas e tirolesas, dúas delas cunha altura de entre 95 e 115 metros. As actividades están dirixidas a maiores e pequenos.
Balseiro gabou a iniciativa e salientou que representa un bo exemplo dos obxectivos do programa de axudas impulsado polo Igape, que busca apoiar aos emprendedores e emprendedoras “como axentes dinamizadores das economías locais”.