A Mariña, 19 de xuño de 2019. Onte, martes, finalizaron os dous cursos de formación gratuíta ofrecidos pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, e dirixida nesta ocasión aos distintos axentes turísticos do territorio e ao persoal de cociña, en activo ou desempregados vinculados ao sector, coa finalidade de mellorar a atención en inglés e a oferta gastronómica apostando polo produto local. Foron os docentes de Hostelería e o departamento de Inglés do IES de Foz os encargados de transmitir o coñecemento e experiencia aos asistentes.
Dende a Mancomunidade consideran que “a formación é un factor determinante na actividade do sector hostaleiro e turístico en xeral. Con estas actividades formativas pretendeuse dotar aos establecementos de restauración das ferramentas, métodos e información necesarias para adecuarse ás condicións cambiantes do mercado actual así como para mellorar a súa competitividade”.
O Taller de Inglés básico para axentes turísticos, que tiña por obxectivo favorecer unha mellora na atención do cliente estranxeiro, foi impartido en Viveiro e Foz, localidade esta última na que foi realizada unha segunda edición ante a demanda recibida. En total, participaron 26 axentes do sector turístico, principalmente dos ámbitos do aloxamento e a restauración, mais tamén doutros sectores relacionados coa actividade como comercio, taxis, Policía Local e información turística.
O Curso práctico para a mellora da oferta gastronómica en produto local, que tiña por obxectivo o fortalecemento e aposta polo produto local como elemento diferenciador da gastronomía do territorio, chegou a un total de dez persoas ligadas a establecementos de hostalaría procedentes basicamente de concellos da Mariña Central e Oriental. As persoas asistentes valoraron moi positivamente esta acción formativa.
Os participantes nos dous cursos, que demandan a continuidade deste tipo de accións cunha maior duración, valoraron positivamente o horario, a localización, as aulas e materiais empregados nas distintas clases impartidas, a implicación da Mancomunidade, da organización e do profesorado así como o nivel de aprendizaxe e utilidade do mesmo.
As accións formativas tiveron unha boa acollida entre as persoas participantes, que as valoraron positivamente e amosaron o seu interese en continuar formándose.
No 2019, a Mancomunidade da Mariña Lucense ten previsto convocar novos cursos para hostalería, e para iso as persoas interesadas poderán suxerir tamén algún tema ou curso do seu interese escribindo un correo a turismo@amariñalucense.gal.