Foz, 15 de xuño de 2019.- O socialista, Fran Cajoto, tomou posesión este sábado como novo Alcalde de Foz. Fíxoo tras o resultado nas Eleccións Municipais no que o PSOE foi a forza máis votada, con 2.304 sufraxios, pasando de 3 a 7 Concelleiros no Pleno da Corporación Municipal.
Fran Cajoto agradeceu a confianza dos cidadáns para facer que “o cambio en Foz se fixera realidade, liderado pola esquerda progresista. Hoxe, acabamos con 8 anos de desgoberno e infelicidade en Foz. Comeza unha nova época. Agárdanos un futuro espléndido que temos que construír entre todos os focegos. Traballaremos arreo por todos e cada un dos veciños de Foz”. Cajoto agradeceu ao BNG o seu apoio para ser investido Alcalde.
“Ninguén sobra no proxecto socialista. Queremos que os veciños de Foz sumen e achéguennos as súas inquedanzas para conseguir un Concello máis accesible e plural, dignificando, deste xeito, a política. Imos contar cos diferentes sectores, axentes económicos e sociais do municipio para implicalos nos proxectos do cambio”.
“Dende o Partido Socialista haberá sempre diálogo co resto de formacións políticas, ás que escoitaremos para tentar acadar o máximo consenso nos asuntos importantes que atinxen aos cidadáns.”
O novo Alcalde puxo en valor todo o traballo feito polos militantes e os compañeiros da agrupación durante a campaña e destacou que “acompáñanme un grupo de persoas comprometidas e con ganas de transformar a realidade tomando decisións a favor dos focenses”. Os 6 Concelleiros do PSOE que integran o equipo de Goberno de Fran Cajoto son Héctor Moris Fernández, Acela Verónica Peña Castiñeira, Ana Matea Rojo Eijo, José María Linares Rodríguez, Inés López Couto e Carlos García Rodríguez.