Burela, 11 de xuño de 2019. O BNG adiantou que non foron convocados polo PSOE a ningún encontro formal polo momento. O portavoz en funcións do BNG Mario Pillado sinalou que “o Sr. Llano está a dar mostras do seu particular estilo de tratar asuntos fundamentais para Burela, coa súa característica falta de rigor e seriedade, como xa demostrou nos últimos catro anos”. “A cinco días para a investidura, o Sr. Llano aínda non se dignou a sentarse a falar formalmente co BNG para expór as liñas do seu programa de goberno, e nese sentido dubidamos se realmente terá un programa para Burela”, indicou Pillado.
O pasado 26 de maio, o BNG incrementou os seus apoios, pasando de 2 a 3 concelleiros, en detrimento do PSOE que perdía un concelleiro e a maioría absoluta. “O Sr. Llano está no seu dereito de reunirse con quen quixer, pero non pode obviar esta realidade e ten que saber que para poder chegar a acordos primeiro hai que facer é sentarse a falar. Se o PSOE pretende chegar a un acordo de goberno ou ben a acordos puntuais, teremos que saber como vai ser a configuración do futuro goberno e cales van ser as principais medidas dese goberno.
O BNG asinou un pacto coa veciñanza de Burela o pasaso 26 de maio e nese sentido vai actuar con responsabilidade, poñendo o foco nos principais problemas e necesidades que presenta o noso Concello e dando voz ás demandas dos veciños e veciñas. “Imos pór o interese xeral da veciñanza por riba do interese partidario e por riba do reparto de sillóns no futuro goberno municipal” rematou Pillado