Burela, 9 de xuño de 2019. Ducias de persoas acudiron á degustación de bonito ofrecida polo Concello burelés e por Ledicia este mediodía en Festur, en Silleda. En poucos minutos esgotáronse as racións do príncipe azul que foi presentado en albóndegas, en pastel e en empanada.
Ata Silleda se desprazou o alcalde, Alfredo Llano, para asistir a este acto que se desenvolveu a poucos metros do stand no que de Burela amosou as súas potencialidades turísticas. O rexedor explicou que “a degustación gustou moito tanto á xente do interior de Galicia como a outra desprazada desde outros portos como Muxía, por poñer un exemplo”.
Llano fixo un balance moi positivo do paso de Burela por esta feira: “alí demos a coñecer a feira do bonito, as festas patronais, as xeorrutas, etc. Repartíronse centos de dípticos sobre toda a oferta turística e gastronómica que poden atopar en Burela. Trátase dunha boa forma de dar a coñecer onde está o noso pobo e todo o que facemos aquí”.
Festur tivo lugar en Silleda desde o pasado xoves e ata esta xornada de domingo.