RIBADEO (FNC) .- O luns 15 de marzo haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo a partires das 20 horas. Unha sesión na que se someterá a aprobación definitiva a ordenanza municipal contra a contaminación acústica.
O rexedor explicou que “regulará non só as cuestións de ruido nocturno senón tamén as do tráfico e das obras. Esta ordenanza que está aprobada inicialmente desde hai prácticamente tres anos sendo alcalde Balbino Pérez Vacas, tivo un trámite de audiencia de pública na que houbo unha serie de alegacións que se resolveron, pero daquela o rexedor anterior non considerou oportuno levala a pleno para a súa aprobación definitiva. Eu hai un ano quixen aprobala definitivamente, pero todos os grupos da oposición quixeron tempo poder estudiala, incluso o grupo que a propuxera que era o PSOE”.
Fernando Suárez considera que “agora pasou máis dun ano e creo que houbo tempo máis que suficiente para mirala e queremos sometela a aprobación definitiva. Trátase de desenvolver o decreto autonómico vixente sobre o que nos estamos rexindo, pero hai determinados aspectos que entendo que son moito mellor, de moita máis seguridade xurídica e de moitos máis dereitos para os usuarios e os perxudicados dos posibles ruidos que esta normativa poida estar vixente. Polo tanto, propoñemos a súa aprobación definitiva e a partires de aí ten unha serie de dereitos e deberes para todas as persoas de tal maneira que todas as que a cumpran non terán ningún problema e conviviremos moito mellor os que produzan ruido pola súa lexítima actividade e aqueles que o teñamos que soportar, pero os que non cumpran terán un réxime sancionador”.
Bens de titularidade pública
O alcalde explica que o pleno do luns “tamén contempla algúns aspectos importantes para dirimir si determinados bens son públicos ou non. Imos incoar o expedente de investigación e recuperación dun camiño na parroquia de Ove desde a capela do Bon Xesús ata a Vilavella. Hai unha asociación de montes que nos indica que eso debe ser público e queremos incoar un expedente para saber si é ou non. E imos propoñer a finalización dun expedente dunha fonte en Porto na parroquia da Vilausende. Hai tempo o Concello de Ribadeo iniciou a súa rehabilitación e houbo algún particular que dixo que esa fonte era súa e por eso incoamos un expedente para dirimir si era pública ou non. Tivemos bastantes testemuñas de moitos veciños desa parroquia que din que a fonte e pública e cos informes técnicos e xurídicos así o entendemos e queremos que formalmente pase ao patrimonio público e poder rematar a súa rehabilitación para uso e disfrute dos veciños de Vilausende”.
Na sesión plenaria do luns tomará posesión como concelleira da Corporación Ana María Docobo e someteránse a debate e a aprobación arredor de dez mocións.