Ribadeo, 5 de xuño de 2019. Mañá, 6 de xuño, ás 12:00 horas presentaranse no salón de plenos do Concello varios proxectos desenvoltos integramente polo alumnado da especialidade de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais no marco do obradoiro dual de emprego Ribadeo co Camiño, que se está a levar a cabo dende o mes de novembro do ano 2018.
O que se busca con todas estas iniciativas é pór en valor o tramo ribadense do Camiño de Santiago empregando as novas tecnoloxías como mecanismo de difusión.
Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio “estes traballos permitirán aos peregrinos ou a calquera persoa coñecer mellor o tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo, porta de entrada en Galicia do Camiño Norte, e descubrir parte do rico patrimonio histórico, cultural e artístico que atesoura este municipio”.
No acto de mañá participarán o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira Ana Martínez, a directora do obradoiro Ribadeo no Camino, Maitane Aránguiz, monitores e alumnado. Está convidada a esta presentación a comisión que levou a cabo a proposta para a declaración da Festa das Cruces como festa de interese turístico galego.
Os traballos a presentar son os seguintes:
1. Oito audioguías en catro idiomas: español, galego, inglés e francés.
Os Contidos das audioguías son:
1ª audioguía: O tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo.
2ª audioguía: O peirao de Porcillán, a aduana vella, o mirador e a capela da Atalaia.
3ª audioguía: A praza de España: o Pazo de Ibáñez, Torre dos Moreno, Igrexia de Santa Maria e convento de Santa Clara.
4ª audioguía: A capela de San Lázaro / hospitais de peregrinos
5ª audioguía: O Barrio de A Ponte / a festividade das Cruces e a Igrexa de Arante.
6ª audioguía: O exvoto mariñeiro (muro sur. Igrexa da nosa Señora das Virtudes)
7ª audioguía: pinturas marianas (muro norte. Igrexa da nosa Señora das Virtudes)
8ª audioguía: Arco Triunfal e altar maior (Igrexa da nosa Señora das Virtudes)
Cóntase que unha vez remate o obradoiro a finais de xullo, todas as audioguías estean dispoñibles en dous idiomas máis: portugués e vasco.
2º- Video promocional do camiño, proxecto audiovisual de tres minutos de duración no que se recollen os atractivos do tramo do camiño de Santiago ao se paso polo municipio.
3º . Visita virtual á capela da Nosa Señora das Virtudes, unha das grandes xoias do patrimonio histórico, artístico, cultural e espiritual ribadense pola riqueza das súas pinturas murais, entre as que se atopa o único exvoto mariñeiro que hai en toda Galicia.
4º Video 3D do tramo do camiño e a capela de Arante.
Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio engaden que “todos estes traballos estarán proximamente dispoñibles na páxina web de Turismo do Concello e no caso da visita virtual á Capela da Nosa Señora das Virtudes tamén, a través dun código qr que se colocará na porta da mesma capela”.
No mes de xuño – xullo os traballos do Obradoiro do Camiño a través do modulo de dinamización continuaran coa atención ao peregrino na capela de Arante e na oficina de Turismo. Tamén se levarán a cabo uns talleres de divulgación a través da posta en marcha do Semana Verde no Camiño dirixidos aos mais pequenos.