Ribadeo 31-5-19. Desde En Marea Ribadeo felicitamos ás formacións políticas que acadaron representación no Concello tralas eleccións do pasado domingo, e agradecemos á súa participación a cantas persoas concorreron ás mesmas nesas e nas restantes listas. Sentimos que, estando asumido o dereito de ir votar a quen queiramos, aínda é preciso máis exercicio para normalizar en Ribadeo o dereito de sufraxio pasivo; presentarse ás eleccións ou apoiar públicamente unha lista non debera considerarse xa cousa de valentes ou de tolos, como aínda sinte boa parte da nosa veciñanza.
Agradecemos tamén moi especialmente ás 244 persoas que nos votaron por darnos a súa confianza para ser o axente que defendera na corporación os seus intereses e demandas, impulsando un programa de transformación e diversificación da economía local cara á sustentabilidade económica, social e ambiental de Ribadeo.
Finalmente, entendemos que o feito de non ter acadada representación pola nosa parte non significa que o pobo de Ribadeo no desexa a diversificación do modelo económico -que é inevitable-, senón a falla de coñecemento da nosa proposta e de confianza na nosa capacidade para desenvolver ese programa, que achacamos en parte á crise que vive a esquerda alternativa, pero sobre todo á demora na nosa posta en marcha.
Consecuentemente imos traballar desde hoxe no peche desa fenda, achegándonos máis a toda a veciñanza, sectores económicos e asociacións, e ofrecendo a nosa colaboración á corporación e o equipo de goberno. Tamén achegando ó debate público propostas para mellorar a vida das ribadenses na liña dos nosos principios de solidariedade e xustiza social, defensa do público e do patrimonio histórico e natural, sustentabilidade, igualdade e laicidade.
En Marea Ribadeo.