Viveiro 30-5-19. Dende o Concello realizáronse as xestións oportunas para a formalización da cesión de uso gratuíto de varios locais para a ampliación dos xulgados de Viveiro a favor da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o acordo adoptado polo Pleno da Corporación de data 4 de novembro de 2015, a proposta do grupo municipal do PSOE; remitido inicialmente á referida Consellería en data 10 de decembro de 2015, constando a súa recepción en data 15 de decembro de 2015.
Posteriormente, foime solicitado por D. Jaime de Olano que se volvese a enviar a referida documentación, non sei si o motivo foi por terse traspapelada a remitida inicialmente ou por outra razón; polo que, en data 14 de xuño de 2018 por este Concello dáse traslado novamente do referido acordo plenario reiterando a formalización da referida cesión.
Así mesmo, en data 16 de abril de 2019 dende o Concello de Viveiro remítese á Dirección Xeral de Xustiza un Rogo presentado por representantes do Xulgado de Violencia sobre a Muller do partido xudicial de Viveiro á Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero para que se solicite á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia a habilitación dun espazo digno como sala de espera para as mulleres maltratadas que comparecen no Xulgado; xunto con este rogo remítese un escrito desde Concello dando conta á Dirección Xeral de Xustiza dos antecedentes realizados na tramitación da formalización da cesión coa finalidade de que se puidera ampliar e mellorar as instalacións e servizos dos Xulgados de Viveiro.
Polo exposto anteriormente, ante as manifestacións realizadas dende o Parlamento ao respecto, quero deixar constancia de que non é o Concello quen ten paralizada a tramitación para que o Xulgado poda dispoñer dun espazo digno para as vítimas de violencia doméstica ou de xénero, dende o Concello como se detalla anteriormente, en repetidas ocasións reiterouse o traslado da documentación aos efectos de proceder á formalización da cesión.
No día de hoxe, logo do tempo transcorrido tivemos a primeira comunicación ao respecto por parte da Xunta, na que se nos solicita o título de propiedade para a tramitación, o cal e mostra evidente de que por parte do Concello non estaba paralizada a tramitación.
Paréceme que é unha irresponsabilidade por parte do Vicepresidente da Xunta facer no Parlamento estas declaracións que son mentira.
A Xunta de Galicia sempre que se trata de tramitacións de expedientes do Concello, cando non ten saída ningunha bota a culpa á alcaldesa.