Viveiro 23-5-19. O BNG defende os Servizos Sociais como un dereito universal e, polo tanto, debemos garantir que os recursos sexan repartidos con criterios claros, planificados cunha visión global do País, con xustiza e que cumpran os obxectivos para os que son destinados.
A actuación do BNG en Viveiro articularase arredor das seguintes liñas:
Impulsar un Protocolo de Coordinación como instrumento de actuación ante situacións de desafiuzamento das persoas veciñas do concello de Viveiro co obxectivo de dar solucións integrais para a persoa ou familia que presenta unha situación de risco de insolvencia por un sobreendebedamento que pon en perigo manter a súa vivenda habitual, e polo tanto, atoparse en situación de exclusión social. Trátase de buscar unha solución de vivenda, ben mediante negociación coa entidade para conseguir a permanencia da familia na súa vivenda, ou ben xestionando unha vivenda pública en réxime de aluguer social conforme á dispoñibilidade, e no seu caso, facilitando a concesión de axudas económicas.
Favorecer a inserción profesional de novos grupos en risco de exclusión (desempregados de longa duración, persoas con discapacidade…).
Ampliar o Servizo de Axuda no Fogar a todas aquelas persoas con grao de discapacidade e dependencia recoñecida.
Crear e ampliar os programas e servizos de información e atención a persoas idosas: Servizo de Axuda no Fogar, Xantar na Casa, tele-asistencia, transporte adaptado,… tanto municipais como conveniados con entidades ou outras administracións.
Promover programas de envellecemento activo con actividades e dinámicas de carácter físico e de estimulación cognitiva.
Atender ás persoas con diversidade funcional, garantindo o acceso de toda a poboación a programas de inclusión social e laboral, de lecer e de actividade física ou deportiva.
CONCELLOS POLA IGUALDADE E CONTRA O PATRIARCADO
Para o BNG de Viveiro terán prioridade os seguintes obxectivos e actuacións:
Servizo de información e orientación e asesoramento
Informarase e asesorase dun xeito directo e personalizado á veciñanza sobre os dereitos e recursos sociais dispoñíbeis.
Pularase pola descentralización e achegamento as veciñas e veciños, contando coas entidades veciñais e sociais existentes.
Servizo de axuda no fogar
Cobertura absoluta a aquelas persoas que, valoradas como grandes dependentes, teñan entre as súas prestacións a axuda no fogar.
Máxima extensión do servizo, asegurando o maior grao posíbel de cobertura a persoas susceptíbeis de melloraren a súa calidade de vida a través do desenvolvemento de prestacións domiciliarias.
Estruturación do servizo para a atención e dotación doutras necesidades de relación coa comunidade: acompañamento a xestións, programas de asistencia persoal, habilidades sociais, etc..
Avanzar na implantación da teleasistencia domiciliaria e a localización fóra do domicilio.
Impulso dos servizos de canguraxe e de recollida e acompañamento á infancia ás actividades extraescolares (Programa madrugadores).
Servizo de inserción, convivencia social e aloxamento
Darase resposta aos problemas concretos de marxinación e exclusión social, aplicando tanto proxectos de traballo social, personalizado ou de grupo, como prestacións económicas propias de emerxencia, para persoas en situación de desvantaxe social.
Atenderase especificamente ás persoas perceptoras de RISGA e outros colectivos en exclusión para facilitarlles o desenvolvemento de proxectos individualizados de inserción útiles, que lles axuden a acadar formación básica e para o emprego, habilidades e competencias persoais e empregos dignos para melloraren a súa calidade de vida.
Artellaranse fórmulas de estabelecemento de cláusulas sociais para favorecer a contratación de servizos municipais que integren a persoas en procesos de inclusión social.
Servizos sectoriais específicos
Creación de servizos de información sobre a aplicación da lei de autonomía persoal e atención a persoas en situación de dependencia.
Implantación da rede de coidados para a autonomía persoal.
Colaboración municipal para a posta en marcha do programa de servizo de transporte adaptado “065 social”.
Achegar os servizos á veciñanza das parroquias máis aillada, creando programas dirixidos ao medio rural: posibilidades de emprego á veciñanza para traballar coas persoas dependentes, transporte, comedor social ou xantar na casa, lavandaría, mantemento da horta…
Impulsarase, en colaboración con outras administracións, a axuda no fogar e as prestacións de apoio ás familias coidadoras.
Potenciaranse actividades que faciliten as relacións interxeracionais en centros polivalentes e impulsaranse actividades, nos centros sociais e de ensino, de recollida da memoria viva a través da historia oral dos traballos, festas, oficios, acontecementos políticos ou culturais, protagonizada por persoas maiores.
Traballarase a prol do envellecemento activo e realizar dinámicas entre parroquias, que favorezan a autonomía, a calidade de vida e a interacción social entre os nosos maiores.
Potenciarase a inclusión de nenos e nenas con discapacidade en todas as actividades para infancia: campamentos urbanos, eventos deportivos, festas infantís, ludotecas, etc.
Incluiranse clausulas sociais nos contratos con empresas que concorran a equipamentos e servizos de financiamento público, tales como a presenza no seu cadro de persoal dunha porcentaxe de persoas con diversidade funcional.
Posta en funcionamento dunha oficina municipal de migracións que proporcione información e facilite a inmigrantes e emigrantes retornados información sobre a a xestión de trámites e promova iniciativas dirixidas ao colectivo para a súa inserción social, laboral e cultural.
Deseñaranse programas de sensibilización social ante todas as situacións de indefensión da infancia: acoso escolar, malos tratos, abusos sexuais ou mendicidade…
Realizaranse campañas de información e sensibilización social, con participación do movemento asociativo, encamiñadas a mellorar a percepción social das persoas con problemas de adición e manter a solidariedade da sociedade fronte aos problemas causados pola adición.
Impulsarase a creación, como órganos de participación cidadá no ámbito da saúde, do Consello Municipal da Saúde, de xeito que se realice unha planificación das actividades coas organizacións sociais (asociacións de veciños, de enfermos, de consumidores, de nais e pais, de empresarios, sindicatos, ecoloxistas).