Foz, 22 maio, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, afirmou que é fundamental que o PP se preocupe pola Mariña lucense xa que “non podemos agardar que os socialistas se preocupen por esta comarca”.
Así se expresaba nun mitin celebrado hoxe en Foz, onde aseveraba que non se debe deixar a Mariña nas mans dun partido que quere pechar Alcoa, a empresa máis importante da comarca e case da provincia; que pretende cerrar Ence e deixar gravemente ferido o noso sector forestal; e que non pelexa en Bruselas nin pola pesca, nin pola PAC, nin polos fondos europeos.
Nese senso, destacou que “votar PSOE é acabar traendo unha nova crise”, mentres recordaba que a economía española estase freando, vanse subir todos os impostos a todo o mundo -o dieselazo custará 70 millóns de euros a todos os galegos-, en España vai ser máis difícil contratar e conseguir un contrato, será moito máis difícil emprender e estamos ás portas do peche das principais empresas en Galicia.
Por iso, animou a loitar contra esta situación desde os concellos, para impedir así que os socialistas traian consigo o que sempre aconteceu baixo os seus mandatos: “Máis crise, máis paro e menos crecemento”.
FOZ TEN QUE SEGUIR MIRANDO ADIANTE
O número dous dos populares galegos asegurou que Foz necesita seguir mirando adiante e que non pode pararse: “Nunca é boa idea cambiar o que funciona, e o goberno liderado por Javier Jorge Castiñeira está moi claro que funciona”.
Segundo lembrou, o candidato popular leva oito anos á fronte deste concello, traballando día a día polos intereses dos seus veciños, petando á porta de quen faga falta para mellorar a súa vila e sendo un digno embaixador do modelo de xestión do Partido Popular de Galicia.
Sen embargo, precisou que a alternativa a isto é “un bipartito ou un tripartito de partidos de esquerdas, un pacto do partido que quere pechar Alcoa e que quere pechar Ence co partido que vai ás Eleccións Europeas con Esquerra e con Bildu”.
O PARTIDO QUE MELLOR DEFENDE A GALICIA EN EUROPA
Durante a súa intervención, o secretario xeral tamén se referiu a importancia das Eleccións Europeas que se celebran este domingo, uns comicios “nos que nos xogamos moito porque con máis Europa temos máis Galicia”.
Como confirmou, isto é algo que saben ben no PP posto que, no Parlamento Europeo, “somos o partido que mellor defendeu sempre os intereses de Galicia”: “Demostramos capacidade para investir con responsabilidade uns fondos europeos que acadamos manter en condicións, e que foron clave para mellorar Galicia durante décadas; soubemos negociar en materias como a pesca, o corredor atlántico, a PAC, o tax lease ou a demografía, todas cuestións vitais para o nosos sectores tradicionais e para a nosa sociedade; estreitamos lazos a través da Eurorrexión ou creamos a Macrorrexión, unha alianza pioneira na Unión que demostra que sabemos cooperar por riba de siglas; e somos consecuentes coa apertura, a unión dos pobos e o europeísmo que significa o Camiño de Santiago”.
“Somos unha formación europeísta, porque somos conscientes de que Europa nos deu moito e estamos convencidos de que Galicia ten moito que ofrecerlle a Europa”, sentenciou.