A Mariña 15 maio, 2019. O Partido Popular da Mariña asegura que o PSOE está inhabilitado para dar leccións sobre melloras sanitarias na comarca tras mentir repetidamente en relación co Hospital da Costa ou boicotear –durante o bipartito e tamén como oposición- as melloras nos servizos sanitarios e de emerxencia.
Desde o PP lembran que os socialistas levan anos retorcendo a realidade sanitaria da comarca con fins electoralistas e lamentan que os alcaldes do PSOE se presten a este tipo de manipulacións, como facerse unha foto na que aparecen e toman protagonismo rexedores como os da Pontenova que nin tan sequera son da área sanitaria da Mariña.
Segundo o PP os socialistas son moi datos a agarrarse á pancarta cando están na oposición, ou ben directamente eles ou agochados detrás de plataformas, mentres que non moven un dedo para mellorar o sistema público de saúde cando están no goberno.
Falso peche do Hospital
Neste sendo os populares lembran que o PSOE chegou a mentir cando alertou do falso peche do Hospital Público da Mariña, cando a realidade e o paso do tempo demostrou que non era verdade e lonxe diso a Xunta ampliou o centro e dotouno de novos servizos como oncoloxía, hospitalización a domicilio ou a segunda sala de endoscopias, entre outros.
Por se isto non fora suficiente desde o PP lembran incluso que o BNG, socios preferentes dos socialistas, votaron en contra no Parlamento de Galicia da creación da sala de tratamentos de quimioterapia que leva funcionando desde novembro de 2014, por decisión da Xunta do PP.
Tamén mentiron os socialistas no relativo á ambulancia medicalizada, “pois nunca creron nela e chegaron a dicir que era solo para Foz, cando en realidade presta servizo, por decisión dun Goberno popular, para o conxunto da comarca e así o seguirá facendo no futuro”
Os populares tamén lembran os reiterados votos en contra do PSOE ás iniciativas que reclamaban novos servizos de emerxencia como o helicóptero Pesca 2, con base en Celeiro, que o PP dotou de dobre tripulación para que poida estar operativo as 24 horas do día e os 365 dias do ano.
Para o PP os feitos veñen a demostrar que os principais valedores e defensores da sanidade pública da comarca foron eles e non o PSOE aínda que agora, unha vez máis en tempo electoral, aproveite a campaña para facer electoralismo con algo tan serio como é a saúde das persoas.