Cervo, 15 de maio de 2019. O BNG de Cervo denuncia que a súa páxina de Facebook foi bloqueada na mañá de hoxe. Diego Fernández, candidato á alcaldía, confirma que xa se iniciaron os trámites coa rede social para informar de que a páxina do BNG se utiliza como mecanismo de comunicación coa cidadanía, sempre respectando as normas que marca Facebook, e polo tanto “os avisos que Facebook recibiu por parte de particulares polo noso suposto uso fraudulento da rede forman parte dun ataque deliberado para silenciarnos e facernos dano”.
Para Fernández, “non é casualidade que este ataque premeditado aconteza durante a campaña electoral, xa que moitas páxinas locais do BNG acaban de ser vítimas desta ofensiva, como por exemplo o BNG Burela, Xove e Barreiros na Comarca da Mariña, e moitas outras en Galiza”. No caso de que Facebook acepte as alegacións do BNG Cervo, tardaríanse 15 horas en recuperar acceso á páxina.
Petulancia e insolencia do PP de Cervo
Desde o BNG de Cervo inciden na importancia que as redes sociais teñen hoxe como xeito de chegar á cidadanía de maneira directa. Este modo de comunicarse contrasta coa petulancia e insolencia doutras formacións como o PP de Cervo, que recentemente repartiu en todas as casas do municipio un boletín propagandístico de 24 páxinas a toda cor para autobombo no que non hai nin unha soa proposta de futuro, así como un folleto para anunciar os 9 mítines previstos entre os días 20 e 24 de maio no Concello.
Ademais, como xa se veu denunciando noutras ocasións, constátase un despilfarro de fondos públicos para fins partidistas, mediante o uso do servizo de prensa municipal para facer propaganda sobre as accións do PP de Cervo. Todo isto nun concello con menos de 5.000 habitantes, que coas súas dimensións “non debera permitirse o luxo de contar con servizo de prensa, máxime cando xa ten 7 concelleiras e concelleiros cobrando das arcas públicas. Isto é un escándalo”, en palabras de Fernández.