Foz, 14 de maio de 2019. O Secretario Xeral do Partido Socialista da Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, Alcaldes e alcaldables do PSOE en todos os Concellos da Mariña mantiveron este martes un encontro con traballadores do 061 no centro de saúde focense, no que acordaron remitir un manifesto á Xunta solicitando a paralización inmediata do novo contrato para o servizo de transporte sanitario terrestre. Este recolle a supresión dun Técnico de Emerxencias Sanitarias para a ambulancia medicalizada do Concello de Foz, que atende a veciños de toda a Comarca, sendo a única das 10 existentes en Galicia á que lle recortan persoal. O manifesto foi remitido hoxe mesmo á Consellería de Sanidade e á Xerencia coas sinaturas dos 8 Alcaldes do PSOE na Pontenova, Alfoz, Lourenzá, Trabada, Burela, O Valadouro, Viveiro e Ourol, transmitindo o “noso máis severo reproche a este inaceptable recorte de recursos e a nosa esixencia de corrección do mesmo”.
Santos Ramos denunciou “a covardía e o electoralismo do PP con este problema” tras a reunión dos Alcaldes de Foz e Barreiros co Conselleiro de Sanidade. “Almuiña non recibe aos profesionais que traballan no 061 e que coñecen de primeira man as necesidades do servizo, pero si aos seus compañeiros de partido. Isto demostra que ao Conselleiro só lle importa o PP e lle dá igual a situación dos traballadores e dos 72.000 mariñáns. Os veciños de Foz e Barreiros non merecen uns alcaldes que están máis preocupados de saír ben nas fotos que no benestar do conxunto da cidadanía”.
“Dende o PSOE non imos consentir que a Mariña e por conseguinte a provincia sexa unha vez máis atacada polo Partido Popular. Esta decisión, totalmente arbitraria, de suprimir un TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias) da ambulancia medicalizada de Foz responde á vontade política de cambiar o sistema e utilizar aos veciños da Mariña como proxecto piloto sen ter en conta a súa saúde. Reclamamos á Xunta que deteña a contratación e abra un novo procedemento no que a Mariña siga contando, cando menos, cos mesmos recursos que calquera outra zona da provincia ou da Comunidade Autónoma. Non pedimos máis, pero tampouco menos. Queremos ser atendidos como no resto de lugares”.
Novo recorte no transporte sanitario para a Mariña tras o feito no 2011
Os socialistas explicaron que se trata dun novo recorte no servizo de transporte sanitario urxente terrestre para os Concellos da Mariña, pois xa no 2011 o PP reduciu o horario da ambulancia de soporte vital básico con base en Foz, pasando de estar operativa as 24 horas a estalo só 12, o que inevitablemente influíu no resto de equipos dispoñibles na Mariña que teñen que acudir no restante horario a cubrir os servizos que non se poden atender dende Foz, precisamente por ese recorte.
Iniciativas presentadas no Parlamento Galego
O PSOE tamén rexistrou na Parlamento Galego varias propostas para paralizar o contrato ofertado pola Xunta de Galicia, así como ampliar o servizo de Ambulancia de Soporte Básico Vital ás 24 horas, tal e como estaba no 2011.