Nota de Prensa
O BNG da Mariña estará presente na manifestación convocada pola CIG en Lugo mañá mércores
Os nacionalistas mariñaos participarán na mobilización en Lugo do “Día da Clase Obreira Galega”
Os nacionalistas fan un chamamento á participación para evitar que unha vez mais sexan os menos favorecidos os que paguen os efectos da crise
O BNG comparten coa CIG o lema de que o emprego, os salarios, as pensións deféndense loitando
A Mariña, 9 de marzo de 2010. O BNG da Mariña acudirá á mobilización convocada pola CIG mañá mércores ás 20.00hrs. co gallo da celebración do “Día da Clase Obreira Galega”, nesta ocasión baixo o lema de que “o emprego, os salarios e as pensións deféndense loitando”. Os nacionalistas fan un chamamento á participación e poñen a disposición autobuses que se poden reservar no tlf. 982140654.
Para o BNG os anuncios feitos públicos polo goberno do Estado de dar outra volta de rosca aos sectores sociais que con maior crueza están a sufrir a crise mediante a anunciada reforma laboral ou a reforma das pensións, contrasta coa man tendida que o mesmo goberno apoiado polo Partido Popular, ofreceu á banca coa inxección de millóns de euros que non serviron para dinamizar a economía productiva e o emprego e só valeron para salvar da bancarrota aos principais responsábeis da situación actual.
Na mesma liña dende o BNG acusaron ao goberno galego de pasividade e ausencia de iniciativas de cara a dispoñer medidas que afronten a dura situación de desemprego que están a padecer moitas familias. Os nacionalistas lembraron que Feijoo prometeu na súa campaña electoral rematar coa crise en 140 días, nunha actitude demagóxica e moi lonxe da realidade que hoxe temos no país.
Os nacionalistas mariñaos compartirán coa CIG a manifestación de mañá mércores para demandar tanto do goberno do Estado como do Goberno Galego solucións á situación de crise que estamos a vivir que muden a actual situación e eviten que outra volta sexan os e as asalariadas e as clases menos favorecidas quen paguen os pratos rotos dun modelo económico que nos levou a esta situación.