Foz, 13 de maio de 2019. O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, felicita ao Club Baloncesto Celtas polo seu ascenso á Primeira Autonómica. O rexedor amosa a súa satisfacción polo resultado positivo que tivo o investimento do Concello para celebrar en Foz a fase de ascenso, porque o pavillón de Marzán estivo a tope e a afección levou en volandas ao seu equipo.
“Desde o Concello de Foz queremos felicitar ao Celtas polo seu recente ascenso á Primeira Autonómica. Estamos moi contentos de ter apoiado traer a fase de ascenso para Foz, aproveitando tamén que é o corenta aniversario da fundación do CB Celtas. Notouse moitísimo ese punto a favor que ten o contar coa afección ao teu favor. Estamos moi contentos de seguir apoiando ao Celtas desde o Concello xunto con todos os seus patrocinadores, entre eles o Centro Comercial Aberto. Apostar polo deporte no noso concello é apostar polo pobo, especialmente un concello que ten clubs que apostan pola canteira e por seguir xogando coa xente da casa. Onte o pavillón de Marzán, recentemente remodelado, era unha auténtica caldeira que axudou moitísimo a que o Celtas fose en volandas a ese ascenso que o ten ben merecido”, manifestou hoxe Javier Castiñeira, quen engadiu: “en nome do Concello de Foz moitísimas grazas por dalo todo, e felicidades por ese ascenso á Primeira Autonómica”.