Viveiro 5-5-19. O acto de presentación de candidatura deste sábado do BNG de Viveiro tamén incluíu un repaso dos últimos 40 anos do nacionalismo galego en Viveiro. A nosa candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio:
Miriam Bermúdez García. 1988 Mestra de Educación Primaria. Vicerresponsable local do BNG e Candidata á alcaldía do Concello de Viveiro.
Severino Salgueiro Rodríguez. 1988 Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos.Responsable de infraestruturas no BNG de Viveiro.
Gloria Rouco Llanderrozas. 1967 Licenciada en CC Empresarais. Empregada pública da Admón Local. Responsable local do BNG.
Iván Pena Muras. 1989 Traballador de Alcoa. Responsábel de comunicación do BNG de Viveiro.
Iria Cotelo Cociña. 1982 Técnico en coidados auxiliares de enfermería. Traballadora no Centro de día de Aspanane de Viveiro. Vencellada ao mundo do sindicalismo.
Xosé Luis Ramallal Rego. 1963 Lcdo. en Historia e Psicopedagoxía. Mestre no CEIP Plurilingüe Santa Rita de Galdo.
Xulia Canoura Díaz. 1956 Lcda. en Pedagoxía. Mestra xubilada. Membro da Plataforma SOS Praia Covas.
María Carballal Febreiro. 2000 estudanta de Filoloxía Galega. Vencellada ao activismo feminista.
Santiago López Chao. 1972 Capataz forestal xubilado. Deportista. Membro da asociacións deportivas Viveiro Enduro, Deporte&Trasplante e Peña Ciclista Lar.
María Simón Cundins. 1999 Estudanta de Educación Social. Vencellada ao activismo feminista.
Tania Monteagudo Bermúdez. 1999 Estudanta de Ciencias da Actividade Física e o Deporte.Vencellada ao activismo feminista.
Néstor Varela García.1956 Xubilado. Vencellado ao mundo do sindicalismo e do asociacionismo cultural e veciñal.
Carmén López García. 1973 Lcda en Físicas. Profesora de educación secundaria no IES Vilar Ponte.
Pilar Ferro Cerdeiras. 1967 Modista.
Eva Eijo Vázquez. 1960 Traballadora en Alcoa. Vencellada ao mundo do sindicalismo.
Miguel Búa Fernández. 1994 Adestrador deportivo e estudante de psicoloxía.
César Naval Parapar. 1955 Xubilado. Ex-concelleiro de Comercio e Turismo. Vencellado ao asociacionismo deportivo.
Sara Fernández Murados. 1983 Lcda. en Administración e Dirección de Empresas. Membro do BNG na emigración.
Xosé Antonio Goás Basanta. 1957 Traballador da Confraría de Pescadores de Celeiro. Ex-concelleiro de Deportes. Secretario do Clube de atletismo Egobarros.
Francisco Luis Rodríguez Guerreiro. 1953 Mestre xubilado. Ex-Tenente de Alcalde. Presidente da Asociación Cultural Pensamento e Sementeira.
A continuación, a intervención da candidata á alcaldía de Viveiro, Miriam Bermúdez:
“Moi boa tarde a todas e todos. En primeiro lugar quixera agradecerlles aos que foran os nosos concelleiros Paco Luis, Ignacio, César, Carlos e Mitas e ás nosas irmás e irmáns nacionalistas viveirenses todo este grande legado que nos deixades e que acabamos de rememorar nesta pequena exposición.
É un orgullo e tamén unha grande responsabilidade para as persoas que decidimos dar un paso adiante, contar co aval do inmenso traballo desenvolto polo nacionalismo en Viveiro ao longo da súa historia, e podemos asegurarvos que imos facer todo o que estea nas nosas mans para preservar este legado durante outros 40 anos máis, para entre todas e todos construírmos esa Galiza e ese Viveiro que todas as galegas e galegos nos merecemos.
Grazas a todas e todos polo extraordinario traballo que deixades detrás de vós, logo dunha vida de loita, sacrificios e renuncias persoais que fixo posible que hoxe a nova candidatura do BNG, coa que imos concurrir ás municipais de maio, e que teño o orgullo de encabezar, poidamos estar aquí para recoller o voso testemuño e continuar avanzando na construción dun tempo novo para Galiza e o noso concello.
Un concello que precisa dun goberno que teña claro o modelo de vila que quere para Viveiro.
Cun goberno que teña capacidade de xestionar o inmenso patrimonio co que contamos.
En definitiva, un goberno formado por un equipo de persoas con autoridade para facerse escoitar ante as administracións que nos teñen vetados investimentos fundamentais para o desenvolvemento económico e social do noso concello.
E no BNG acabades de comprobar que temos un equipo de persoas formadas, activas e amplamente capacitadas, que combinan experiencia, solvencia, e xuventude e que teñen as ideas claras do modelo de concello que precisamos para Viveiro.
Un modelo de vila que ven fotografado ao detalle no programa de goberno co que nos presentamos ás eleccións de maio e que é froito do traballo desenvolto polo Bng ao longo dos últimos tres anos coa veciñanza e dos encontros sectoriais abertos que viñemos mantendo coas viveirensas/es estes dous últimos meses.
Este programa é un programa ambicioso e aberto co que queremos transformar Viveiro nun concello habítabel, saúdabel, seguro, inclusivo e sostible, onde as veciñas e veciños serán o centro do desenvolvemento das políticas municipais.
O programa do Bng é un programa que xira en torno a cinco grandes eixes, sendo o primeiro deles: as vías de comunicación, o grande reto para Viveiro, de máxima urxencia, polo que impulsaremos un Plan de conservación, mantemento e mellora da rede de estradas municipais e autonómicas. Esixiremos de forma rotunda a posta en marcha da variante de Viveiro e as conexións do polígono empresarial de Landrove coa autovía e seguiremos reivindicando e propoñendo medidas para que o goberno central poña en marcha un servizo ferroviario de proximidade e renovado para a Mariña, como fixemos fai case un ano cunha concentración na estación de tren.
Queremos facer de Viveiro un concello cohesionado e vertebrado, priorizando a mobilidade peonil e carrís bici así como o uso de transportes públicos funcionais e adaptados. Un concello no que se impulsarán medidas para rebaixar o índice de siniestralidade na travesía de Covas (tal e como propuxemos en novembro de 2017 ) e para a elaboración dun plan de supresión de puntos negros como os de Landrove, Covas ou San Lázaro. Un concello no que adoptaremos medidas de prevención, seguridade e estética das edificacións en estado ruinoso (como por exemplo a concetración que levamos a cabo nos edificios de Seiramar en xaneiro do 2018) e no que se elaborará tamén unha ordenanza municipal da tenencia e protección de animais de compañía.
Queremos un concello centrado en cada unha das persoas de Viveiro, con novos plans para a mellora da formación, creación de emprego, e espazos de traballo; un concello que vai máis aló da integración e que busca unha inclusión real coa eliminación de calquera tipo de barreiras (físicas, comunicativas, de estereotipos, políticas, programáticas, sociais e de transporte);
un concello pola igualdade, cunha abordaxe integral da violencia de xénero (para o cal a semana pasada fixemos unha proposta de creación dun 3º xulgado en Viveiro que foi aprobado no Pleno da Deputación de Lugo); é preciso visibilizar o papel da muller na sociedade, favorecendo a conciliación familiar a través de servizos de axuda a persoas dependentes, revisión de horarios da escola infantil municipal, avanzar na sede electrónica nas dependencias municipais para evitar desprazamentos.
un concello coa mocidade, habilitando espazos de encontro para dar resposta ás súas inquedanzas de lecer, sociais, educativas, artísticas, con axudas para o transporte escolar, noitebús e opcións para o acceso á vivenda;
un concello polo envellecemento activo; un concello saudábel e apto para o deporte, cun plan de xestión que optimice o uso das instalacións deportivas , convenios de colaboración con clubes, habilitación e accesibilidade de espazos naturais e abertos, e atender ao deporte dirixido ás persoas maiores, persoas con diversidade funcional, e deporte feminino.
Para o BNG a riqueza patrimonial de Viveiro é un elemento diferenciador e para poñelo en valor precisamos fomentar o asociacionismo, acondicionar os edificios municipais para unha actividade cultural en REDE, poñer en marcha unha rede museística cunha programación anual de actividades que axude a desestacionalizar o turismo e impulsar as manifestacións artísticas das persoas de Viveiro.
Para o BNG O Mar e o rural, son os motores económicos de Viveiro. Polo que cremos que é imprescindible fomentar as actividades pesqueiras e marisqueiras a nivel de porto, polo queseguiremos esixindo á Xunta como levmaos facendo dende o 2015, un saneamento integral da nosa ría, e as obras de mellora da depuradora de Celeiro. É precisa tamén a formación e as actividades agrícolas e gandeiras así como impulsar a ordenación forestal e a súa actividade complementaria e poñer en marcha un mercado de produtos locais; Todo isto sen olvidarnos da necesidade de deseñar plans de protección de vixiancia e conservación do medioambiente e a necesidade de revisar a xestión de residuos e do lixo.
E xa para rematar quixera volver a facer fincapé en que para desenvolver este ambicioso programa que vos acabo de expoñer moi resumidamente no Bng contamos co aval das persoas que me acompañan na candidatura: ben pola sùa amplitude de miras, ben polos seus coñecementos, polas súas experiencias, pero fundamentalmente polo cariño e preocupación por Viveiro e o compromiso, que nos une a todas as persoas da candidatura, para achegar toda a nosa capacidade de traballo e esforzo para contribuír a transformar a nosa vila nun concello referente para as galegas e galegos, porque no Bng temos as ideas claras e Viveiro tamén.