Foz, 4 de maio de 2019.- O PSOE esixe ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que se reúna cos traballadores do 061 afectados polo recorte de persoal na ambulancia medicalizada de Foz. Os socialistas demandan ao PP na Xunta de Galicia que atenda ás demandas dos veciños e dos profesionais e que paralice, de inmediato, a contratación ofertada polo Sergas que recolle a eliminación dun TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias).
O PSOE denuncia que se trata dunha decisión totalmente arbitraria, que carece de valoración técnica, e que discrimina inxustificadamente á Mariña e á provincia de Lugo. Os socialistas subliñan que é urxente que o máximo responsable da sanidade galega manteña un encontro cos traballadores da ambulancia medicalizada de Foz para coñecer a realidade da situación, explicada por eles mesmos, que son os que teñen a experiencia e a sensibilidade do seu labor diario.
Dende o Partido Socialista non se está pedindo que un servizo tan importante como o da ambulancia medicalizada de Foz conte con máis dotacións, o que se reclama é que non sufra máis recortes e, deste xeito, deteriore a calidade asistencial aos veciños da Mariña.
Os socialistas lamentan o nulo interese e compromiso por parte do PP na provincia de Lugo para solucionar este problema, tras negarse a debater e aprobar unha proposta no Pleno da Deputación na que se esixía deter a contratación elaborada pola Xunta de Galicia.