Burela, 30 de abril de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe un encontro co alumnado dun dos cursos organizados pola Consellería do Mar na Mariña, orientado a obter o certificado de formación básica en seguridade marítima. Esta acción formativa estase a impartir dende 22 de abril na confraría de pescadores de Burela e está dirixida a unha vintena de participantes.
A actividade prolongarase ata o día 7 de maio e inclúe 70 horas de formación teórica e práctica que abranguen os módulos de supervivencia no mar, prevención e loita contra incendios, primeiros auxilios e seguridade no traballo. Este curso, ao igual que o de mariñeiro pescador, resulta indispensable para poder traballar a bordo dunha embarcación pesqueira.
Dentro da programación de cursos de Mar en Burela para este semestre, tamén se está a desenvolver dende o 8 de abril, neste caso na aula de formación da Xunta, un curso de patrón local de pesca, na sección de máquinas, programado ata o 28 de maio. Así mesmo, completouse entre o 25 de marzo e o 5 de abril nesta localidade un curso de mariñeiro pescador.
Pola súa banda, nos primeiros meses do ano impartíronse na aula de extensión pesqueira de Celeiro (Viveiro) cursos de mariñeiro pescador, formación básica e actualización da formación básica, cunhas 65 prazas en total.