Burela 29-4-19. O Pescados Rubén Burela FS xa ten outro reto por diante, e á volta da esquina, coa pelexa por revalidar o título de Copa Galicia, a vindeira semana, 6 e 7 de maio nas Pontes. Así o deu a coñecer a RFGF no día de onte.
Os pupilos de Juanma Marrube terán tan só un día para cambiar o chip, dende a clausura ligueira, fronte ao FC Barcelona B (sábado 4), e a semifinal irmandiña, o luns, véndose as caras co Santiago Futsal (18.30 horas). O outro billete para a gran loita decidirase entre O Parrulo Ferrol e Noia Portus Apostoli (20.30 horas).
“Enfocaremos nas mellores condicións esta cita, pero é un pouco xusto para nós. Santiago, Noia e nós temos só un día dende o remate da liga pero, no entanto, O Parrulo chegará con case quince días sen competición e preparando a Copa”, reflexionaba Juanma Marrube, confesando tamén a súa ilusión por volver á gran festa galega do fútbol sala. “Hai moitos condicionantes para ver un partido bonito, con Santiago. Somos dous equipos que nos coñecemos ben, hai xogadores que defenderon os dous e poderá revivirse a final do ano pasado” así convidaba o Mariskal á cita irmandiña.
Despedida en Vista Alegre
“A nosa intención é facer unha boa despedida da liga, de despedir a tempada diante da nosa xente con boas sensacións, pero tamén estaremos condicionados polos partidos de Copa. Quero premiar a xogadores menos habituais, de categoría xuvenil, como Nito ou Aarón, que terán a oportunidade de formar parte das rotacións”, adiantaba así Juanma Marrube do que será o último partido da liga 2018-19, fronte ao FC Barcelona B, este sábado, ás 18.30 horas (Vista Alegre).