Lugo 28-4-19. A cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola provincia de Lugo Cristina Pérez valorou positivamente o feito de que exista unha maioría de progreso no Estado que poida atender á emerxencia social, pero recoñeceu que os resultados de En Marea “non foron os esperados” e “a axenda galega é a grande prexudicada destas eleccións en Galicia”.
“Deuse unha resposta en chave estatal a unha situación de emerxencia estatal”indicou Pérez, para quen “o feito de que exista unha maioría de esquerda no Estado é a consecuencia dun voto prudente, aglutinador, o que xerou un contexto no que En Marea non foi quen de entrar no Congreso para garantir a atención específica aos intereses de Galicia”.
“Galicia foi xenerosa para garantir unha saída progresista á crise económica e social” resumiu Cristina Pérez, indicando que en todo caso se trata dun resultado “moi por baixo do agardado” e “que non se corresponde co inxente esforzo de En Marea por visibilizar o seu discurso nun mal contexto en termos de tempo e espazo para darnos a coñecer”.