Burela 27-4-19. O Pescados Rubén Burela FS demostrou unha xornada que pode con todo, na complicada pista do AD Alcorcón (1-2), nunha cita con gran desgaste físico e gran protagonismo de porterías, sobre todo da local. As Guerreiras Laranxas tiveron que traballar ata o final para aferrarse a tres puntos que as manteñen na pugna pola primeira praza, fronte a un rival que aguantou moi ben durante os corenta minutos cunha presión alta.
As pupilas de Julio Delgado e Lucas encamiñaron a cita axina, xa no minuto 2, cun potente disparo de Dany que entrou baixo paus tras dar no largueiro. Con esta vantaxe e dominando o xogo e a posesión, as mariñás, malia dispoñer de numerosas ocasións, non puideron atopar o gol da tranquilidade. A falta de catro minutos, Alcorcón non se conformaba co resultado e apostou por xogo de cinco e en poucos segundos atopou unha excesiva recompensa, co 1-1, con Aida, que desviou un remate de Vane Sotelo, e ata dispuxo doutra oportunidade a porta baleira. O Pescados Rubén respondeu con porteira xogadora, con rapidez e perigo; así, a falta de 30 segundos para a bucina final, Dany volveu facer acto de presenza para recuperar a máis que merecida vitoria para a cuadrícula laranxa.
Descanso de liga
A liga volverá tomar un descanso, coincidindo co X Torneo Internacional 9 de Maio de Moscova. As galegas regresarán o sábado 11 de maio, en Vista Alegre, con duelo irmandiño, ante o Ourense Envialia FSF.
Ficha técnica
AD Alcorcón FSF: Belén, Isa, Pipi, Irene, Vanesa, cinco inicial; tamén xogaron Nerea, Ana, Cyn, Aida, Balle
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Dany, Peque, Ba Mateos, Luci, cinco inicial; tamén xogaron Jenny, Cilene, Cami, Lara Balseiro
Goles: 0-1, minuto 2, Dany; 1-1, minuto 37, Aida; 1-2, minuto 40, Dany
Árbitros: Arquero Jordán // Manso Martín. Por Alcorcón amarela a Nerea (minuto 30)
Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 de Primeira RFEF Liga Foro 16 Feminismo disputado en Los Cantos.