NOTA DE PRENSA
Así o afirma o director xeral de Xustiza, en resposta a unha iniciativa do deputado Jose Manuel Balseiro que subliñou que o Grupo Popular mantén o mesmo discurso na oposición e no Goberno sempre favorable á descentralización da práctica dos exames forenses
A XUNTA COMPROMÉTESE EN SEDE PARLAMENTARIA A RESTABLECER O SERVIZO DE AUTOPSIAS NOS HOSPITAIS DE BURELA E MONFORTE
* O novo Goberno puxo en marcha unha bolsa de emprego para a cobertura con médicos interinos das prazas vacantes nestes dous centros hospitalarios, despois de que levaran 8 anos baleiras.
* Estímase que no mes de abril ou maio poda rematar a centralización do servizo en Lugo pero, en todo caso, para evitar demoras polo momento ampliouse o horario de práctica das autopsias á tarde, algo extraordinario no conxunto do territorio nacional.
Santiago, 5 de marzo de 2010.- O novo Goberno de Galicia comprometeuse en sede parlamentaria a restablecer o servizo de autopsias nos hospitais de Burela e Monforte. Así o explicou o director xeral de Xustiza, Juan Jose Martín Álvarez, en resposta a unha iniciativa do deputado Jose Manuel Balseiro, que foi obxecto de análise na mañá de hoxe na Comisión de Sanidade da Cámara galega.
Desde o Grupo Popular afirman que esta petición vén a demostrar que no PPdeG “sempre mantivemos o mesmo discurso”, antes na oposición e agora desde as responsabilidades de Goberno. “Nós sempre fomos favorables á descentralización da práctica de exames forenses, por entender que a situación contraria provocaba prexuízos ás familias e demoras innecesarias”-explicou Balseiro.
BOLSA DE EMPREGO PARA A COBERTURA DE VACANTES
Os populares consideran moi relevante unha das medidas postas en marcha pola Xunta para corrixir esta situación “agora e no futuro”, isto é, a creación dunha bolsa de emprego para a cobertura con médicos interinos das prazas vacantes nos centros hospitalarios lucenses. “Todo iso despois de que estas listas de contratación levasen oito anos baleiras”.
AMPLIACIÓN DO HORARIO
De feito, nos hospitais de Burela e Monforte deixaron de realizarse autopsias despois de que os titulares das prazas de medicina legal decidiran darse de baixa no servizo, -tras aprobar o MIR- obrigando á centralización destes exames na capital. En todo caso, e para evitar demoras prolongadas, os responsables actuais do Instituto de Medicina Legal de Galicia decidiron ampliar, tras varios contactos co deputado popular, o horario de práctica das autopsias á tarde, algo extraordinario no conxunto do territorio nacional.
DESCENTRALIZACIÓN DO CONCURSO DE TRASLADOS
Segundo a explicación ofrecida pola Xunta, estímase que no mes de abril ou maio poda rematar a centralización do servizo en Lugo. Balseiro Orol felicitase por esta decisión e subliña a coherencia do Partido Popular neste asunto “que criticou a centralización de autopsias cando a levou a cabo o bipartito, e mantén a súa crítica e petición de solucións agora, neste momento, forzando á Xunta a habilitar os mecanismos necesarios para corrixir esta deficiencia”
SERVIZO DE TRANSPORTE
En todo caso esta non é a única boa nova ofrecida polo director xeral de Xustiza en resposta a preguntas do Partido Popular, pois tamén adiantou que o Goberno galego promoverá a “comarcalización” do concurso de traslados de cadáveres, que o bipartito centralizou en Lugo. De tal xeito que procederase a dividir a provincia en tres áreas -norte, centro e sur-, e as distintas funerarias poderán presentarse a este concurso en cada unha delas. Unha petición que tamén defendeu o Partido Popular ao longo da pasada lexislatura e que redundará nunha mellora do servizo e nunha rebaixa dos custes e do tempo no transporte.