Sarria. 17-4-19. O Secretario Xeral de Compromiso Por Galicia, Juan Carlos Piñeiro advirte que a xestión das cuncas fluviais galegas e de augas interiores debe realizarse desde un único organismo central, para acabar deste xeito cos “chiringuitos e postos virtuais” e incidir na racionalización dos recursos desde a administración de proximidade “para facer máis real e sostible a xestión do día a día da xente”.
Os candidatos de CxG ao Congreso por Lugo José Luís Moñita e Fátima Gómez Hermida, e ao Senado Saúl Sánchez Freire, esixiron desde Sarria todas as transferencias posibles para Galicia, entre elas a da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. “Que deixen de dicirnos desde Madrid como temos que xestionar os nosos recursos, que o único que están a facer é desperdiciar as posibilidades naturais que ofrece esta terra”, insiste Piñeiro. “Estamos a asistir estes días a un desfile continuo dos candidatos dos partidos estatais co gallo das xerais para adoutrinar aos galegos e galegas acerca do que eles pensan que é mellor para nós, cando non veñen por aquí en toda lexislatura”, asegura o Secretario Xeral, que considera ademais que “xestionar as competencias desde a cercanía significa facelo desde o coñecemento e a responsabilidade, e tamén desde o respecto polos recursos naturais propios”.
Piñeiro subliña que “este é un dereito, e unha reivindicación lexítima para o conxunto dos galegos e galegas, que só poderá realizarse desde unha acción política racional e con perspectiva galeguista”.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil administra as cuncas fluviais de Miño, Sil e Limia, e ten oficinas en Lugo, Monforte, O Porriño e Ponferrada. O 90 por certo do territorio xestionado pola confederación atópase en Galicia, aínda que tamén recolle parte de Asturias e Castela e León.