Lugo, 16 de abril de 2019. O candidato do PSOE ao Senado pola provincia de Lugo, César Mogo, valorou este martes as manifestacións do PP sobre inmigración e subliñou que “Casado e o Partido Popular empregan agora aos 13.000 inmigrantes da provincia como recurso electoral, acusándoos de poñer en risco o estado de benestar. Nesa carreira por alcanzar o radicalismo de Vox, volven a manipular as cifras situándoas nas datas que lles interesa e, o peor de todo, utilizando ás persoas, neste caso aos inmigrantes, para tentar sacar rédito político”.
“O PP fala dun efecto chamada de Pedro Sánchez cando máis ben debería falar do efecto chamada de Mariano Rajoy posto que a inmigración irregular comezou a dispararse en España dende o ano 2014 cando gobernaban os populares no Estado. O certo é que a inmigración clandestina descende actualmente polas políticas de cooperación migratoria armadas polo Goberno de Pedro Sánchez, principalmente, co goberno de Marrocos. Froito diso, segundo os últimos datos oficiais, a inmigración irregular descendeu un 20% en marzo en comparación co mesmo mes de 2018 cando estaba o PP no goberno. As políticas de loita contra a inmigración clandestina, cuxas primeiras vítimas son as persoas, deixaron de existir co PP e por este motivo comezaron a medrar os datos na súa época”.
César Mogo lamentou que o Partido Popular “volva aos discursos provocadores, tratando de exaltar uns sentimentos en contra dunha poboación que ton ten responsabilidade algunha da pésima xestión durante 7 anos do PP que deixou, por exemplo, a hucha das pensións practicamente a 0. Hai unha poboación inmigrante na provincia de Lugo duns 13.000 veciños aos que ataca o Partido Popular e que probablemente se sentiron moi afectados por estas manifestacións falsas do máximo dirixente do PP, onde tratou de endosar a estes veciños uns problemas que o Goberno Socialista se atopou e que estamos solucionando”.
Primeiro foron as mulleres, agora os inmigrantes
O candidato do PSOE ao Senado denunciou que “esta é a estratexia e a dinámica de Casado e do PP, intentar confrontar ás persoas. Primeiro o fixo coas mulleres e o dereito a abortar, logo co plan de adopción para mulleres inmigrantes e agora, novamente, coas persoas inmigrantes. É lamentable que recorran a ese discurso para manipular e mentir aos nosos veciños”.