Santiago de Compostela, 16 de abril de 19. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Loli Toja, esixiulle hoxe ao goberno galego que poña en marcha medidas de impulso do consumo de peixe. A responsable socialista levou unha pregunta oral á Comisión de Pesca na que advertiu que o 85 por cento da poboación galega consume menos peixe con menos frecuencia da recomendada, que é de 3 a 4 veces á semana.
Toja reivindicou “maior promoción” do consumo de peixe e información sobre as vantaxes do seu consumo, así como maior formación dos profesionais e “promover a innovación á hora de producir e de vender”. Sinalou que a actualización é “unha ferramenta indispensable para fortalecer ao sector a través do pequeno comercio.
A responsable socialista levou ao Parlamento o último informe da Unión de Consumidores de Galicia sobre o consumo deste produto, que sinala que o 27 por cento dos galegos e das galegas consume peixe unicamente unha vez á semana, e o 10 por cento aínda con menor frecuencia “ou nunca”. O 48 por cento dos galegos e das galegas consumen peixe dúas ou tres veces á semana, por debaixo da contía recomendada.
Consumo entre os mozos e mozas
Alertou ademais do escaso consumo de peixe entre as persoas mozas, xa que só o 37 por cento dos xóvenes de entre 18 e 30 anos consumen peixe unha vez por semana, e o 19 por cento “con menor frecuencia ou nunca”. Explicou que “isto significa que 1 de cada 5 persoas de entre 18 e 30 anos non consume peixe nin sequera unha vez á semana”.
Advertiu fronte ao “desleixo” do goberno galego á hora de promover o consumo dun produto que resulta fundamental para a saúde humana, con importantes beneficios para a saúde como fonte de ácido Omega 3, calcio, iodo e a alta concentración de nutrientes, vitaminas e minerais. Recentes estudos, ademais, apuntan á relación do seu consumo cun menor risco de padecer diabetes.