Burela, 16 de abril de 2019. A formación nacionalista valora de forma moi positiva o traballo de Pillado nestes catro anos á fronte do grupo municipal. Desde o Consello Local do BNG sinalan que “Pillado liderou o traballo de oposición ao Goberno do PSOE desde o minuto cero da lexislatura, ante un PP carente de ideas e máis preocupado polas liortas internas que polos problemas dos veciños e veciñas”. Nestes 4 anos, foi o grupo municipal do BNG quen trasladou ao pleno os asuntos que realmente preocupaban á veciñanza e neste sentido, Pillado demostrou que é unha persoa na que se pode confiar e que está sobradamente capacitado para levar a cabo un traballo serio e responsábel.
O BNG aposta por Pillado como valor seguro de cara á cita eleitoral de maio e confía en que será quen de gañar as próximas eleccións municipais. O candidato nacionalista estará arroupado por un grupo de mulleres e homes representativos de distintos sectores e con implicación en distintos ámbitos da vida local, desde o mundo asociativo ao deportivo, pasando polo comercio, o ensino ou a sanidade. Nos próximos días, será presentada integramente a candidatura do BNG en Burela.
O candidato nacionalista amósase moi ilusionado e loitará por situar ao BNG á fronte do Concello.
Pola súa banda, Mario Pillado dixo sentirse “moi ilusionado e con moito ánimo para enfrontar as municipais” e que se ve con “posibilidades de situar ao BNG á fronte do próximo goberno Goberno Municipal de Burela”. “Saímos a gañar avalados por estes catro anos de traballo desde a oposición ao Goberno do PSOE, que foi incapaz de levar a cabo ningunha das súas propostas”, indicou o candidato nacionalista.
“Nesta lexlislatura nin se peatonalizou rúa algunha, nin se regulou o mercado semanal, nin se fixo a nova depuradora, nin tampouco se vai facer un pavillón novo, como prometeu o Sr. Llano en repetidas ocasións. Estivemos en todo momento ante un alcalde irresponsábel, que gobernou sen rumbo nestes catro anos de maioría absoluta e que demostrou que só buscaba a foto e o titular. O Sr. Llano non é de fiar, sen esquecermos que semella estar máis preocupado en buscar asento no Senado madrileño que en solucionar os problemas dos burelaos e burelás”, sinalou Pillado.
Fronte á falta de proxecto do PSOE, “o BNG preséntase a estas eleccións cun programa para transformar Burela, un programa con propostas a curto e longo prazo, con ideas e medidas concretas que podan ser levadas a cabo e que redunden nunha mellor calidade de vida dos veciños e veciñas de Burela. Centraremos o noso programa na mellora e abaratamento dos servizos de abastecemento de auga, recollida do lixo e limpeza viaria, na substitución da actual depuradora para un correcto saneamento, na ordenación do tráfico e no modelo de vila que queremos, na necesidade de novas infraestruturas deportivas, no emprego, na mocidade… así como outras medidas que iremos anunciando ao longo das próximas semanas”, adiantou Pillado.