Lugo. 15, abril, 2019. O presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientou que, fronte aos partidos que falan con catastrofismo e superficialidade, o PP é o único que cre e defende o rural: “O que menos precisa a España baleira son palabras baleiras”.
Así, durante unha visita a unha explotación gandeira en Lamaboa (Lugo), o líder do PPdeG destacou que, a diferenza do resto de formacións para os que o rural é un mero trámite, o PP conta cunha axenda do rural completa, con propostas detalladas e concretas. Neste punto, sinalou que un Executivo que goberna directamente co populismo, o nacionalismo e o independentismo; que arrisca o traballo das familias que traballan en Ence e das que venden madeira en Galicia; ou que cambia o regulamento de costas ameazando edificacións, depuradores, colexios, cetáreas, fábricas de conservas ou 3.500 explotacións bateeiras, non pode defender o rural
O PP RESPONDE AOS PROBLEMAS DO RURAL
Apuntou que, ante dificultades deste ámbito, o Partido Popular é a única formación que ten respostas. Así, dixo que, ante o problema demográfico, é preciso un modelo de financiamento que prime a dispersión e o avellentamento de lugares como Galicia e cunha política fiscal que priorice vivir no rural.
Do mesmo xeito, avogou por unha lexislación que dea prioridade ás tramitacións das industrias que se queiran implantar no rural; por un plan para a xestión das crises agrarias e a estabilización das rendas; por acceso a Internet, para continuar homologando as condicións de vida no ámbito rural e urbano; e porque o interior de Galicia estea no mapa coas mesmas infraestruturas que outros lugares de España.
Feijóo recalcou que o futuro do rural tamén se xoga nas institucións comunitarias, dee aí que sexa fundamental un goberno forte e que saiba negociar con Europa e “non un goberno títere que para gobernar necesite dos independentistas e dos nacionalistas”.
O RURAL, NO ADN DE GALICIA
Para o líder do PPdeG, o rural está no ADN de Galicia e que vai seguir marcando o futuro da nosa comunidade: “É posible conxugar rural e futuro”. Así, fronte aos que o desprezan, din que non hai expectativas e só lle saben atribuír estereotipos, Feijóo fixo fincapé en que o Partido Popular está disposto a seguir traballando por el e que aposta por políticas que atraian cada vez máis xente a vivir no rural e do rural. Por iso, pediu o voto para poder seguir dotándoo de recursos e oportunidades.
Así mesmo, resaltou que o Goberno galego demostra con feitos de que é unha garantía para o rural: ao destinar recursos a axudar ás familias con fillos; ao loitar contra o despoboamento, aprobando un Plan de Impostos Cero para adquirir ou permutar parcelas e para que os mozos e as familias numerosas poidan mercar unha vivenda máis barato nas vilas e nas aldeas; ao atraer emprendedores, impulsando indicacións xeográficas protexidas; ao mellorar a rendibilidade das explotacións, para o que xa se está traballando nunha lei de recuperación e posta en valor da terra; e ao potenciar o rural como lugar apto para novos sectores, como o polo aeronáutico de Lugo.