A Mariña, 15 de abril de 2019.- En 2015 Mariña Patrimonio descubrira a estrutura circular de Lavandeira en Xove e solicitara a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Tras a inspeccion do lugar, o Servizo de Patrimonio redactou unha ficha normativizada do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da DXPC, quedando este lugar unicamente como “referencia”.
Cando Mariña Patrimonio descubriu este sitio arqueolóxico, a metade da estrutura circular fora xa sepultada polo corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro. Lamentablemente, o estudo arqueolóxico elaborado para a realización deste corredor non detectara o xacemento arqueolóxico.
Trala comunicación destes feitos á Dirección Xeral de Patrimonio por Mariña Patrimonio, en 2017 realízanse catas que confirman a existencia dun xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce.
Agora a Xunta ben de licitar por 212.000 euros as obras para retirar a terra acumulada sobre este ben patrimonial.
A asociación Mariña Patrimonio considera que conseguir que se revirta esta agresión e que se restableza a estrutura arqueolóxica ao seu estado anterior é, sen dúbida, unha moi boa noticia para o patrimonio e un triunfo para todas as persoas que intentan defendelo. Mais tamén ve unha certa derrota ao comprobar a reiterada incapacidade institucional para artellar políticas eficaces de protección do patrimonio.
O feito de non ter detectado a estrutura circular de Lavandeira, que era facilmente visible, tanto nas fotografías aéreas coma sobre o terreo, proba que non se actúa todo o ben que se debería. Ademais cómpre ter en conta que corrixir este erro vai custar 212.000€, que saen dos petos de todos.
Mariña Patrimonio aproveita para chamar a atención sobre a información que aparece na ficha do inventario da estrutura circular, na que os técnicos da Conselleria de Cultura sosteñen que a “mesta vexetación que cobre a zona impide apreciar o grao de conservacion desta estrutura”. Sorprende que a pesar da vexetación puideran ver o recinto circular, que ten “unha altura duns 80 a 90 cm” e, pola contra, non se decataran de que a estrutura circular de Lavandeira tiña a metade da súa superficie sepultada por un terraplén de mais 10m de alto.
Para Mariña Patrimonio é preocupante que os técnicos de Cultura de Lugo non apreciaran alteracións na estrutura circular, tal como recollen na ficha do inventario, e que non se decataran da gran acumulación de terra (13.000 metros cúbicos, segundo datos da Xunta), depositada sobre un xacemento arqueolóxico de tan só 50 metros de diámetro .