Xove, a 11 de abril de 2.019. Naufraxios: Patrimonio sumerxido na costa de Xove é o título da interesantísima xornada que dende Turismo, Investigación Social e Muller e baixo a coordinación de Lucía Sánchez, organiza o Concello para o mércores, 17 de abril, a partir das 17:30 da tarde no Salón de Actos do Centro Cívico.
Xove conta cun Patrimonio Subacuático de enorme importancia, co pecio documentado máis antigo de Galicia, descuberto por casualidade no ano 2007, e afundido na costa no ano 1544. Por este motivo, dende o Dep. de Investigación Social do Concello de Xove, convidouse a prestixios@s profesionais da Arqueoloxía Náutica e Subacuática, da Conservación, e da Función Pública, para impartir os relatorios desta Xornada, con entrada libre e gratuíta para tod@s aqueles interesados na materia:
RELATORIOS:
1. Honor: o pecio documentado máis antigo de Galicia, afundido en Lago no 1544. Impartido por d. David Fernandez Abella, arqueólogo-director da última prospección realizada ao pecio de Xove no ano 2018.
2. As pezas do pecio de Lago e a súa conservación. Impartido por dna. Diana Blanco Patiño, experta en restauración e conservación de bienes, e encargada dos traballos nas pezas extraídas do pecio de Xove.
3. Espolio: os perigos do patrimonio sumerxido. Impartido por d. Manuel Díaz Vázquez, arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.