A Mariña, 12 de abril de 2019. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentará este venres, día 12, ás 12 horas na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, en Mondoñedo, as audioguías ficcionadas da Mariña en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés e o material que se elaborou para a promoción deste produto conxunto. Este proxecto levado a cabo pola Mancomunidade e o Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) conta co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia para a promoción turística do xeodestino.
No acto de mañá participarán o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano; a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; a concelleira de Turismo de Ribadeo, Ana Martínez; o tenente de alcalde de Viveiro, Jesús Fernández; o responsable da Área de Turismo na Deputación de Lugo, Eduardo Vidal; e a xefa provincial de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez.
Desde a Mancomunidade da Mariña explican que “por este motivo e ao longo do día as persoas asistentes e todas aquelas que así o desexen poderán facer uso de forma gratuíta dun dispositivo mp3 e cascos illantes para desfrutar da audioguía ficcionada: Mondoñedo e familia, un roteiro de 47 minutos de duración baseado na figura de Álvaro Cunqueiro. Con motivo desta presentación tamén haberá xornada de portas abertas na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro”.
Con este acto a Mancomunidade convida a todo o mundo a coñecer este novedoso e singular produto, que o pasado ano se daba a coñecer en galego e trala súa tradución ao castelán, inglés e francés aproveitase para presentar o material promocional que se elaborou para difundir esta experiencia de forma conxunta entre veciños e visitantes.
As tres audioguías: Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro teñen un enfoque, un tratamento e un formato diferenciado que buscan a implicación emocional por parte da persoa que escoita, provocar a curiosidade e promover que se fagan os tres paseos.
E engaden que “as audioguías estarán dispoñibles para a descarga e reprodución gratuíta na web da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, sendo posible ser partícipe desta experiencia cun dispositivo móbil e uns cascos. Mondoñedo, lugar de acollida da presentación, dispón de dispositivos mp3 e cascos illantes para o aluguer, que cede gratuitamente a todos aqueles que nos acompañen na xornada de presentación de mañá”.