Lugo, 11 de abril de 2019.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación do programa da Semana Santa de Mondoñedo, declarada de interese turístico galego e que comezarán mañá coa procesión da Virxe das Dores a partir das 22.00 horas.
No acto participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; o representante da Venerable Orde Terceira de San Francisco, Valentín Insua, e a xefa territorial de Cultura e Turismo, María José Gómez.
Entre os grandes atractivos desta Semana Santa destacaron a longa tradición, que se remonta ao século XVI, o recollemento co que a viven os veciños e veciñas, a beleza das imaxes -moitas delas dos séculos XVII e XVIII-, e a contorna, xa que teñen como marco a Catedral mindoniense, monumento patrimonio da humanidade, e o casco histórico -declarado BIC-; o via crucis que parte da igrexa dos Remedios e chega ata o Mosteiro dos Picos atravesa algúns dos paraxes máis singulares da cidade.
Ademais, entre as celebracións do Venres Santo cabe citar a Procesión da Soedade que parte da Catedral ás 21:00 horas, na que se pode escoitar o Plorans do Mestre Pacheco, que so se pode executar en Mondoñedo e na Capela Real de Madrid.
A programación conta con sete procesións e dous via crucis, actos nos que participan activamente arredor de 250 persoas. Está organizada pola Venerable Orde Terceira de San Francisco. No caso de que a choiva impida a saída das procesións, estas celébranse no interior da Catedral.