Foz 10-4-19. O xoves 11 de abril ás 20:30 o salón de actos do Cenima acollerá a sesión de clausura da presente edición das xornadas Sentirmos a Arte organizadas pola asociación cultural A pomba do arco cunha palestra que correrá a cargo de Xosé Barro.
Xosé Barro, nado en Pontedeume en 1955, é unha das grandes referencias do deseño gráfico no espazo europeo, se ben a súa obra artística abrangueu outras disciplinas, destacándose como un dos autores pioneiros da banda deseñada en Galiza. Son centos os carteis, exposicións, portadas de libro, centros de interpretación ou imaxes corporativos producidos pola factoría de Barro, algunha delas tan vinculado á Mariña como pode ser o proxecto expositivo do centro de interpretación de San Martiño de Mondoñedo ou corenta anos atrás cartaz que serviu para convocar a marcha contra a central nuclear de Xove.
O relatorio de Barro responde ao titulo “Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza” onde propón unha viaxe polos códigos da comunicación visual do deseño en Galiza clarificando a significación dalgunhas das imaxes corporativas da nosa realidade. Segundo o propio Pepe Barro, sempre hai máis que ver se usamos os ollos e a cabeza ao tempo, se ollamos con toda a nosa bagaxe cultural. As pezas de deseño gráfico reflicten a cultura dun país, mesmo que moitas veces non deamos lido as súas mensaxes, fáltannos as claves históricas, tantas veces negadas, ou o coñecemento da linguaxe visual, moi maltratado no ensino regrado”.
A asociación cultural A pomba do arco quere agradecer a participación de todas aquelas persoas que se teñen pasado polas xornadas ao longo desta semana, un apoio da veciñanza da Mariña que anima e fai posíbel dar continuidade a un espazo de debate e divulgación sobre a actividade artística que queremos manter na comarca.