Ribadeo, 5 de abril de 2019. O candidato do Partido Popular á Alcaldía de Ribadeo, Daniel Vega, aposta pola elaborar un plan de arranxo de estradas serio e planificado, non de última hora.
Daniel Vega explica que “o Partido Popular comprométese a poñer en marcha un plan de arranxo de estradas na zona rural. Vemos necesario un traballo previo de planificación porque deste xeito conseguiremos un resultado moito máis eficaz, pois se hai coordinación entre os veciños e o goberno, entre os responsables municipais e as parroquias, imos coordinar moito mellor un orzamento propio do Concello e tamén doutras administracións. Xestionar o plan Marco, da Xunta de Galicia, e o plan Único, da Deputación, significa investir máis nas nosas estradas”.
O alcaldable do PP en Ribadeo engade que “nestes momentos todos podemos observar que a estrada Reme-Vilamar tivo un arranxo moi importante, cun orzamento de 780.489 euros. Eu canto cheguei ao Parlamento de Galicia foi a primeira cousa que lle reivindiquei ao goberno galego, que investira no noso concello para mellorar esta estrada, que comunica aos concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros co de Ribadeo e vertebra todas as parroquias da zona rural interior do municipio ribadense. Isto é algo moi importante para o rural porque mellores infraestruturas significa máis e mellor rural”.
Vega remata comentando: “nós imos traballar cun orzamento propio do Concello e xestionando investimentos doutras administracións, pero sobre todo de maneira coordinada con cada parroquia. Porque nestes últimos días vemos que o goberno do señor Suárez quere resolver a última hora o que non fixo durante 12 anos”.