A Mariña 4-4-19. Este venres, a partir das 20:00 horas, o Hotel Nordés en Burela acolle un acto aberto organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade no que catro políticas galegas de catro partidos políticos diferentes intervirán e debaterán sobre feminismo e igualdade. O título “Presente e futuro das políticas feministas galegas” fai referencia “ás mulleres políticas que nos representan nos diferentes niveis da administración e institucións políticas así como ás políticas públicas en materia de igualdade que están ou deberían estar na axenda pública” explican desde o Observatorio.
As deputadas Raquel Arias do PPdeG, Patricia Otero do PSdeG-PSOE, Olalla Rodíl do BNG e a eurodeputada Lídia Senra de En Marea, falarán sobre a súa experiencia como mulleres e representantes políticas nas organizacións políticas, na administración pública e nas institucións, desde a perspectiva de xénero e tendo en conta cuestións como a paridade, o teito de cristal, a corresponsabilidade etc. Do mesmo xeito, “o debaté versará sobre as políticas públicas feministas e de igualdade que se promoven desde as administracións públicas galegas e a súa resposta ás fendas de xénero que detectamos no ámbito social, económico, cultural etc”.
Aproveitando as próximas convocatorias electorais, desde o Observatorio da Mariña
pola Igualdade quixeron “poñer sobre a mesa as propostas de futuro dos diferentes
partidos políticos e a súa resposta ás demandas do movemento feminista que leva
anos artellándose en Galicia”. É, sen dúbida, unha boa oportunidade para achegarse
ao discurso feminista das mulleres que nos representan en gobernos, parlamentos e
administracións locais, e “facer balance do camiño que aínda queda por percorrer”.
O acto estará presentado pola socia e directiva do OMI Lucia Canoura e moderado
pola, tamén socia, investigadora, tradutora e profesora de universidade, Olga Castro.