Lugo, 29 de marzo de 2019.- O respaldo de En Marea a calquera posible goberno que saia das eleccións do 28 de abril estará condicionado a un Estatuto Electrointensivo que estabilice os prezos da enerxía e aporte viabilidade a empresas como Alcoa. Asegurouno o voceiro da formación despois de reunirse en San Cibrao cos traballadores dunha factoría clave para a economía da Mariña Lucense. Acompañado polos candidatos ao Congreso por Lugo Cristina Pérez Herraiz e Javier Arca Uría, e polo candidato pola Coruña e deputado Francisco Casal, Luís Villares participou nunha xuntanza que serviu para que a plantilla de Alcoa coñecese de primeira man as alegacións de En Marea ao proxecto de Estatuto Electrointensivo presentado polo goberno central.
En Marea reuniuse este venres co comité de empresa de Alcoa San Cibrao para presentarlle as alegacións da formación ao Estatuto Electrointensivo que pretende aprobar o goberno. “Un estatuto claramente insuficiente”, en palabras de Luís Villares; que avogou por un marco que permita “estabilizar os prezos da enerxía, e facelo a costa de disminuír os beneficios das grandes empresas eléctricas. É posible facelo, a Unión Europea permíteo, pero é precisa vontade política”.
As alegacións de En Marea buscan tamén “que empresas como Alcoa realicen investimentos na industria e que garantan a súa viabilidade e os postos de traballo”. Un extremo que, tal e como asegura o voceiro da formación, será “imprescindible á hora de apoiar calquera goberno que saia das próximas eleccións do 28 de abril”.
Tanto Villares como o candidato ao Congreso por Lugo, e tamén trabalhador de Alcoa, Javier Arca, destacaron o papel fundamental da planta de San Cibrao. “Alcoa supón o 100% da esperanza industrial da Mariña de Lugo. Porque supón máis do 30% do PIB da provincia, e máis de 3.500 postos de traballo directos”. Unha cifra á que hai que sumar os milleiros de empregos e ingresos indirectos que orixina, ao tratarse dunha industria fundamental para a viabilidade económica dunha comarca falta de alternativas industriais. “Entendemos que toda as empresas dos arredores de San Cibrao, directa ou indirectamente viven desta fábrica. Por iso é imprescindible para Lugo que se solucione o Estatuto das electrointensivas e que este aporte estabilidade a longo prazo para todas as familias que viven desta industria”, indica Arca Uría.