A Pontenova, 26 de marzo de 2019.- O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, asinou este martes a escritura dos terreos de máis de 2.200 metros cadrados onde se situará a residencia de maiores para os veciños deste municipio. Trátase dun espazo no contorno urbano, preto do río e rodeado de zonas verdes, que leva por nome a Chousa de Vilaudriz.
Na sinatura tamén participou o Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, pois este espazo está a disposición da Deputación para construír o centro de maiores.
Campos Conde explicou que nos vindeiros días presentarase o proxecto e seguidamente se licitarán as obras para comezar a executalas.
Deputación e Concello asinaron un convenio de colaboración para a adquisición dos terreos e as obras de construción. O Concello xa abonou ao organismo provincial preto de 95.000 euros pola compra de parte deste espazo, posto que varias hectáreas foron directamente doadas polos que eran os seus propietarios.
A Deputación ten comprometida unha partida inicial de 1,2 millóns de euros para as obras e o Concello outra de 200.000 euros.
O centro ofrecerá unhas 50 prazas: 30 de residencia e 20 de centro de día.
Terán preferencia de acceso os veciños da Pontenova. O seu prezo será en función da capacidade económica dos usuarios para garantir aos maiores o acceso universal ás mesmas.