Burela a 26 de marzo de 2018. A EOXI de Lugo-Cervo-Monforte de Lemos tiña subscrito un concerto para a realización de tratamentos de rehabilitación coa empresa Fisioterapia Lugo S.L., un acordo que foi rachado deixando a centos de mariñaos e mariñás sen asistencia.
Segundo os datos facilitados polo SERGAS a situación na Mariña pola ruptura do acordo coa privada é a seguinte:
Logopedia:
Área Mariña : 42 pacientes.
Fisioterapia:
Área da Mariña:
Non hai pacientes en lista de espera agudos/preferentes remitidos ó centro concertado.
Pacientes crónicos: 836 pacientes
Por mor dunha pregunta con resposta escrita da deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil o SERGAS afirma: en data 24 de decembro de 2018 o administrador da empresa Fisioterapia Lugo S.L. remite escrito á Xerencia da EOXI no que di ‘….vémonos na obrigación de non continuar coa relación que mantiñamos coa EOXI de Lugo, deixando de atender aos pacientes que foron derivados aos nosos diferentes centros a partir do día 1 de xaneiro de 2019.. ’
Dende o SERGAS sinalan que a empresa no escrito que remitiu á Xerencia di ’ …En calquera caso todos os pacientes que están a ser atendidos na actualidade continuarano sendo ata a finalización dos seus tratamentos… ’.
Polo tanto as actuacións a levar a cabo non son para a reanudación de tratamentos senón para o inicio dos pendentes e a resolución da lista de espera, afirma o SERGAS, algo que se contradí, explican dende o sindicato nacionalista, coas denuncias de nais e pais que denuncian que as súas crianzas quedaron co tratamento de logopedia interrompido, e nalgúns casos con 12 e 20 sesións pendentes, e que a día de hoxe continúan agardando.
LOGOPEDIA E FISIOTERAPIA NA CARTEIRA PÚBLICA DE PRESTACIÓNS E SERVIZOS DA MARIÑA.
“Por todo o anterior e ante as denuncias de nais e pais de que as súas fillas e fillos viron suspendido o tratamento con sesións pendentes e a día de hoxe non foron chamadas, sendo chamadas só persoas para iniciar tratamento, exiximos ao SERGAS que clarifique esta grave situación”, explican.
Ao mesmo tempo CIG Saúde rexeita a proposta que fixo o Sergas, que ofreceu a posibilidade de ir a logopedia a Lugo, pero de luns a venres, e en horario de mañá, provocando desprazamentos innecesarios.
Na Mariña, explican, xa sufrimos as consecuencias de deixar en mans privadas prestacións sanitarias básicas, mais o SERGAS teima en cometer o mesmo erro en vez de apostar por unha fisioterapia e logopedia cen por cen pública.
“Se outros hospitais públicos dispoñen de logopedia na súa carteira de servizos e prestacións cal é o motivo para discriminar aos mariñaos e mariñás? Somos cidadáns de segunda? Son estes os máis e mellores servizos prometidos coa ampliación do noso hospital?”, pregúntanse dende a CIG.
O sindicato nacionalista reclama mais unha vez a posta en marcha dun Plan Urxente e Integral (e non panos quentes) para abordar o abandono da fisioterapia e logopedia e erradicar as listas de espera, un plan que contemple a utilización racional dos recursos do sistema público e abandone as actuais políticas privatizadoras e de destrución da sanidade pública na Mariña, e que dote de persoal (fisioterapeutas e logopedas) e medios materiais o Hospital da Mariña e os Centros de Saúde.
“Deste modo obteriamos un dobre obxectivo: crear emprego de calidade na comarca e prestar un servizo de fisioterapia e logopedia 100% público e de calidade”, conclúen.