Lugo, 18 de marzo de 2019.- A Xunta de Galicia organiza neste primeiro semestre do ano na provincia de Lugo sete cursos de formación para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (APVCs), que se impartirán en Mondoñedo, O Saviñao, Ribeira de Piquín e Chantada. En total, suman 140 prazas.
O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, explicou que o calendario previsto comeza en Mondoñedo os días 23 e 24 de marzo, cun curso sobre busca e salvamento en montaña e zonas illadas. Nel participarán 16 voluntarios de Protección Civil de Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Riotorto e Barreiros.
Así mesmo, no Saviñao impartirase o 30 de marzo unha acción de formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA), para 24 membros das APVCs deste concello e dos de Chantada e Sarria.
Organízanse ademais dous cursos básicos de Protección Civil, un deles en Ribeira de Piquín do 1 ao 6 de abril; e o outro en Chantada, do 10 ao 14 de abril. Nestes mesmos concellos impartirase formación sobre prevención e loita contra incendios urbanos e forestais: en Ribeira de Piquín será do 2 ao 10 de maio; e en Chantada do 15 ao 19 de maio. En Ribeira de Piquín hai previsto ademais un curso sobre accidentes na estrada do 3 ao 7 de xuño.
Balseiro lembrou que as agrupacións de Ribeira de Piquín e O Saviñao son as de máis recente incorporación ao Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia nesta provincia -integráronse o ano pasado-. Actualmente, en Lugo forman parte da rede 43 colectivos que suman máis de 2.200 voluntarios e voluntarias.
As accións formativas están organizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.