Ribadeo, 18 de marzo de 2019. O Concello de Ribadeo acaba de recibir o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) para a residencia de maiores, que lle ven de conceder a Xunta de Galicia. Para o alcalde ribadense, Fernando Suárez, “despois de moitos meses de traballo e de moita ilusión, recibimos o PIA, que nos concede a Xunta, desbordada pola realidade das cousas”. O rexedor subliña que este paso ben confirmar que “fixemos todo ben” e agora toca seguir ultimando os preparativos para a apertura da residencia de maiores de Ribadeo.
Suárez Barcia declarou que “por fin e finalmente despois de moitos problemas, de moito traballo, pero tamén de moita ilusión, como dicía o poeta Uxío Novoneyra, a forza do noso amor non pode se inútil, e neste caso non o foi porque acabamos de recibir o PIA, o Permiso de Inicio de Actividade, que ten que dar a Xunta de Galicia. Esta mesma Xunta que durante estes anos de loita continua de todo un pobo por ter unha nova residencia, non aportou un céntimo, pero agora desbordada pola realidade das cousas de que se demostra, unha vez máis, que fixemos todo ben, que fixemos todo polo libro, finalmente acaba de outorgarnos a luz verde, o PIA”.
O alcalde contou que “hai uns días tivemos unha visita de comprobación dos técnicos da Xunta para revisar a residencia e detectaron pequenísimas carencias, faltaba un taboleiro de anuncios e 24 mesiñas auxiliares, e cunha declaración responsable comprometémonos a ter resolto iso de maneira inmediata. Poñeremos o taboleiro de anuncios como nos mandaron e esas vinte e pico mesiñas auxiliares, e algunha cousiña menor tamén. Isto evidencia como se di que traballo feito ben parece”.
O rexedor engadiu que “aínda que se quixeran meter atrancos as cousas van saíndo cando se fan ben, e sobre todo cando se fai cooperando e coordinando, tal e como viñemos facendo ao longo destes anos con todos aqueles que quixeron, e poño de referente outra vez á Deputación de Lugo. Porque ademais esta maneira de traballar é a que a xente merece, a cidadanía ponnos cando tocan as eleccións para que intentemos facer o mellor polo propio pobo”.
Suárez Barcia engadiu que “agora, aínda que isto é unha vitoria moral, toca seguir. Témonos que xuntar de maneira inminente coa Deputación para ultimar todos os preparativos, para crear estas comisións de seguimento e para abrir o prazo das listas para que os posibles usuarios poidan ir anotándose. Todo isto terémolo que facer, como facemos sempre, con diálogo, coordinando e cooperando coa Deputación. Entendo que nos próximos días seguiremos dando noticias para que isto, o soño colectivo de Ribadeo, vaia ser unha realidade sen dúbida, e como dicía Uxío Novoneyra, naquel poema tan famoso, a forza de noso amor non pode ser inútil, e non o vai ser, desde logo”.