Mondoñedo, 16 de marzo de 2019.- Mondoñedo contará co programa de 4º ciclo para maiores de 50 anos “Camiños de Coñecemento e Experiencia”. Será grazas á colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, logo de que a alcaldesa da localidade, Elena Candia, o acordase coa responsable da USC, Teresa Rodríguez López, nunha reunión que mantiveron no día de onte.
Elena Candia amósase satisfeita por dito acordo, pois contribúe aumentar a oferta educativa que xa ofrece esta localidade na actualidade, ao tempo que supón unha alternativa para aquelas persoas que, cunha idade algo máis avanzada, desexen recibir formación universitaria.
O Seminario, emprazamento do ciclo
Neste senso, a rexedora adianta que, dende a entidade local, están buscando posibles emprazamentos para impartir dita titulación, sendo o Seminario a opción que colle máis forza para elo. E é que, deste xeito, segundo indica a titular municipal, “ademais de incrementar as opcións educativas que xa temos en Mondoñedo e, por extensión, na Mariña, contribuiríamos a que o Seminario recuperase a actividade docente, da man do selo da Universidade de Santiago”.
Para Elena Candia, este acordo de colaboración “é, sen lugar a dúbidas, unha boa noticia”, e agradece á responsable da USC a absoluta disposición por implantar este ciclo en Mondoñedo, que xa está a funcionar noutros concellos galegos.