Foz, 15 de marzo de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou que A Mariña foi o segundo xeodestino de Galicia no que máis medrou a demanda turística durante o pasado ano, despois do de Celanova-A Limia, en Ourense. En total, contabilizáronse preto de 300.000 pernoitas que supuxeron un incremento do 4,4% respecto ao ano anterior.
Balseiro participou na presentación da renovación da imaxe corporativa do xeodestino A Mariña, iniciativa que nace grazas ao convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de municipios. Alí reiterou que “dende a Xunta estamos convencidos de que os xeodestinos son a mellor ferramenta que temos para a promoción turística, porque é un espazo de traballo conxunto entre as administracións (concellos e Xunta) e os axentes do sector para dar a coñecer, singularizar e potenciar a oferta da comarca”.