Nota de Prensa
O BNG PREGUNTA POLAS ACCIONS LEVADAS A CABO POLO CONCELLO PARA ASEGURAR O COBRO DE 1.271.507,42 EUROS PENDENTES DE PAGO POR PARTE DE ASTUNOSA SERVIZOS INMOBILIARIOS.
A inmobiliaria asinante do Convenio de Infraestruturas e Servizos declarouse insolvente e ten aberto un proceso concursal voluntario.
A insolvencia de Astunosa supuxo a paralización da construción de 532 vivendas en San Cibrao e o incumprimento dos pagos acordados no Convenio de Infraestruturas e Servizos asinado co Concello de Cervo en decembro de 2006.
O BNG quere coñecer cales son as accións levadas a cabo polo goberno municipal para facer efectivas as débedas contraídas por Astunosa Servizos Inmobiliarios co concello de Cervo de acordo co Convenio de Infraestruturas e Servizos asinado coa empresa. Ademais solicitamos informacion sobre as garantías xurídicas que ofrece o convenio e os informes da secretaria municipal que avalan a sinatura do convenio aprobado polo goberno municipal en novembro de 2006.
Segundo este convenio, Astunosa Servizos Inmobiliarios(antes Pasillo Verde) debería pagar ao concello a cambio da concesion de licenzas de construción de 532 vivendas cunha edificabilidade total de 45.445,16 m2, a cantidade de 1.817.870,60 euros dos que so fixo efectivos 546.363,48 euros, polo que a débeda pendente co concello suma 1.271.507,42 euros.
Antecedentes:
As obras desta promoción paradas dende a pasada primavera estiveron rodeadas de polémica pola concesión das licenzas, denunciadas polo BNG diante da Dirección Xeral de Urbanismo que ordenou a súa paralización ao entender, en liña co argumentado polo BNG, que se trataba de Solo Urbano Non Consolidado e recoñecer un exceso de edificabilidade de 10.000m2, a orde foi incumprida polo concello e a propia Dirección Xeral de Urbanismo eludiu acudir a vía xudicial por temor a unha sentenza adversa. Ademais dende o BNG, criticouse a opacidade e lixeireza na sinatura dun convenio que como se esta a ver non conta coas garantías suficientes para facerse efectivo nos prazos estimados.
A Xunta de Goberno Local aprobou o 14 de novembro de 2006 o “Convenio para a mellora de Infraestruturas e Servizos de Cervo”, tendo entrada no Rexistro Municipal con data 15 de decembro de 2006 o documento asinado con Astunosa Servicios inmobiliarios e outras empresas da construción e promoción inmobiliaria, todas elas con solicitudes presentadas para proxectos de construción no termo municipal de Cervo cunha edificabilidade conxunta de 86.446,98 m2, sendo no caso que nos ocupa a outorgada a Astunosa o 52,57% do total, polo que Astunosa Servizos Inmobiliarios comprometíase ao pago de 1.817.870,60 euros, tendo pendentes de efectivizar 1.271.507,42 euros ao non asumir os seus compromisos co concello nas datas previstas no convenio nin as sucesivas prorrogas solicitadas con posterioridade pola empresa.
A forma de pago mediante pagares que non se fixeron efectivos, conta co aval segundo se especifica no “Convenio para a mellora de Infraestruturas e Servizos de Cervo”, de vivendas concretas de diferentes fases do proxecto que aínda non foron executadas nin se prevé a súa execución a curto prazo tendo en conta a situación financeira da promotora e o parón do mercado inmobiliario.
Si as finanzas da promotora non son boas, as do concello non son mellores.
Astunosa Servicios inmobiliarios declarouse insolvente no mes de maio e ten presentado concurso voluntario de acredores nun proceso que se sigue no Xulgado do Mercantil numero 7 de Madrid con publicación no BOE 226 de 18 de setembro, polo que o concello debería tomar parte nese concurso na defensa dos intereses municipais, xa bastante deteriorados tendo en conta que o propio Alcalde recoñeceu publicamente a deteriorada situación da economía municipal.