Barreiros, 4 de marzo de 2019.- A Secretaría Xeral para o Deporte construirá unha pista multideporte na localidade de San Miguel de Reinante, en Barreiros, que permitirá a práctica de disciplinas como o fútbol sala, baloncesto ou bádminton, entre outras. A Xunta de Galicia investirá 30.000 euros nesta actuación, que acometerá en terreos de titularidade municipal.
O xefe do Servizo de Deporte en Lugo, Manuel Otero, mantivo unha reunión co alcalde, Alfonso Fuente, para concretar datos do proxecto, que consistirá nunha pista ao aire libre de 20 metros de lonxitude por 10 metros de ancho, e virá a complementar unha área lúdico deportiva na que tamén están instaladas a pista de pádel e o parque infantil de xogos.