LUGO .- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, anunciaron hoxe que os concellos lucenses poderán comezar as contratacións dos efectivos dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) nos vindeiros días.
Arias e Hermida expuxeron en rolda de prensa que o próximo luns publicarase a orde de convocatoria, na que se inclúe como novidade a posibilidade de contratar a dúas persoas de xeito inmediato para atender urxencias e imprevistos, sen ter que esperar a que exista unha resolución en firme sobre as peticións dos concellos.
“Cunha autorización do departamento de Traballo, remitida de inmediato tras recibir a solicitude, bastará para dar de alta a estes traballadores”, expuxo Hermida, que indicou que esta medida facilitara para as contratacións que non sexa preciso esperar ao mes de maio, cando se prevé que se poidan notificar as resolucións oficiais.
“Deste xeito, os concellos poderán adiantar a posta en marcha destes equipos de emerxencia ata dous meses con respecto aos prazos manexados en exercicios anteriores”, destacou a delegada territorial.
Polo que respecta á distribución dos Grumir na provincia, mantense a estrutura acordada entre a Xunta e a FEGAMP e que ven funcionando nos últimos anos. Isto significa que serán en total quince concellos os que disporán deste servizo. “Cada un deles poderá contratar un máximo de 12 traballadores”, asegurou Arias.
Os concellos que dispoñen de grupos de intervención rápida en Lugo son: Becerreá, Burela, Cervo, Chantada, Cospeito, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, A Pontenova, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro, o que suma un total de 180 contratos para traballadores desempregados na provincia.
Este programa forma parte das axudas que a Consellería de Traballo e Benestar convoca no marco dos Plans de Cooperación coas entidades locais para subvencionar a contratación de traballadores e traballadoras desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.
“Como principal novidade, este ano dáse prioridade na convocatoria aos concellos que teñan empadroadas a persoas traballadoras que perdesen o seu posto de traballo nas empresas de extracción de lousa por mor da actual situación económica”, subliñou a delegada territorial, que agregou que, desta forma, “amplíanse as actuacións en favor deste colectivo, que foi un dos primeiros da provincia lucense en sentir os efectos da crise”.
Ademais, a orde introduce un novo criterio de distribución provincial de créditos, que terá en conta o maior esforzo inversor que é preciso realizar en numerosos concellos lucenses en aras do necesario equilibrio interterritorial e do principio de solidariedade cos territorios máis desfavorecidos.